Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

Acordo de mellora salarial no Centro Tecnolóxico da Automoción

    CCOO, sindicato maioritario no comité de empresa, informa da consecución dun acordo de mellora salarial no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG). Comisións xa defendeu en outubro do ano pasado a necesidade «urxente» dun pacto salarial para mellorar o convenio estatal de enxeñarías, co obxectivo de frear a fuga de cerebros e atraer o talento.

    21/04/2023.
    Instalacións do CTAG

    Instalacións do CTAG

    CCOO considera positivo este acordo, froito de seis meses de «intensa negociación», pois «xera unha nova estrutura salarial complementaria ao convenio. Mellora a situación económica e consolida conceptos individuais que estaban «condenados a desaparecer» debido ao xeito en que foran negociados no pasado, situación da cal non era responsable o comité actual. 

    Púidose conxugar un convenio estatal de enxeñarías —que subiu os salarios un 6,6 % e un 3,5 % adicional en 2024—, recoller a antigüidade —ata o 60 %, con trienios ao 5 % e 10 %— e pactar melloras salariais —con subas en 2025 entre un 14,7 % e un 19 %, segundo a categoría.

    Para CCOO, o obxectivo é camiñar cara á harmonización salarial, o que lles permitirá aos próximos comités de empresa «negociar dunha maneira moito máis clara e efectiva». O próximo reto será traballar nunha plataforma de carreira profesional no CTAG con carácter inmediato.