Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

28 DE ABRIL DO 2023. DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E A SAÚDE NO TRABALLO

Por un dereito á seguridade e a saúde no traballo real e efectivo

    As condicións laborais teñen unha enorme influencia sobre a saúde das persoas traballadoras. Desde os sindicatos levamos anos denunciando que a precariedade laboral enferma e mata. A pesar da inclusión dos ambientes laborais seguros e saudables entre os principios e dereitos fundamentais no traballo da Organización Internacional do Traballo, en España aínda estamos lonxe de acadar este fito. De feito, encontrámonos nun momento crítico para a saúde e a seguridade no traballo no noso país.

    25/04/2023.
    28 de abril, Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo

    28 de abril, Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo

    En 2022 contabilizáronse case 1.200.000 accidentes de traballo; aumentaron un 5 % respecto a 2021 e producíronse 826 mortes no traballo, 121 máis ca o ano anterior, que se incrementarán de maneira notable cando se publiquen os datos definitivos. Son cifras inaceptables para unha sociedade como a nosa, ás que se debe poñer freo decontado. Ademais, as enfermidades de orixe laboral seguen ocultándose, enquistándose como a eterna materia pendente da prevención de riscos laborais.

    Os sindicatos vimos advertindo que a recuperación da actividade produtiva logo do peor período da pandemia, se non viña acompañada dunha mellora nas condicións de traballo, tería como consecuencia unha repunta da sinistralidade. Desgraciadamente, as nosas previsións cumpríronse. A seguridade e a saúde no traballo seguen sen ser unha prioridade para os distintos gobernos.

    Sen dúbida, a día de hoxe, as consecuencias dos accidentes e as enfermidades relacionadas co traballo supoñen un grave problema social que leva ligados enormes custos humanos e económicos. Pero é un problema ao que as Administracións que poderían actuar para evitalo non lle prestan a atención necesaria. É un problema invisible.

    Por iso UGT e CCOO, este 28 de abril, Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, queremos ser, unha vez máis, o altofalante das vítimas e visibilizar o drama e sufrimento que causan os accidentes de traballo.

    Tampouco esquecemos aquelas persoas traballadoras que enfermaron por mor do seu traballo. En España, o pasado ano, declaráronse arredor de 22 500 enfermidades profesionais. Desde CCOO e UGT levamos moito tempo denunciando a enorme infradeclaración das enfermidades profesionais e, concretamente, dos cancros de orixe laboral, entre os que se encontran os causados polo amianto. Durante o 2022 unicamente se declararon 107 enfermidades profesionais causadas por axentes canceríxenos, 76 delas debidas ao amianto. Para inverter esta situación é imprescindible que o Goberno inclúa a creación dun rexistro nacional de empresas con riscos de exposición a axentes canceríxenos e un rexistro de traballadores e traballadoras expostos —na inminente modificación do RD de axentes canceríxenos—. Recordemos, igualmente, a necesidade de abordar o enorme problema que supón a exposición laboral á sílice cristalina que causa silicose e cáncer de pulmón, entre outras doenzas, e esixir o cumprimento rigoroso da normativa. É importante aprender de erros do pasado, como o caso do amianto.

    Este 28 de abril, UGT e CCOO queremos que sexa tamén un día de homenaxe e recoñecemento ás persoas traballadoras que morreron ou sofren unha enfermidade a causa do amianto e ás súas familias, e especialmente ás mulleres, que en moitos casos tamén enfermaron e morreron por lles lavar a roupa aos familiares expostos a este canceríxeno nos seus postos de traballo.

    Neste sentido, desde CCOO e UGT reivindicamos máis ambición e valentía aos Gobernos para protexer sen ambaxes a seguridade e a saúde das persoas traballadoras, para que non prevalezan criterios económicos sobre criterios de protección da saúde no ámbito laboral á hora de lexislar; en concreto, reclamamos, unha redución do valor límite de exposición ao amianto no eido laboral, porque non hai valor seguro. Opoñémonos rotundamente ao valor proposto polo Consello Europeo, porque é un límite de exposición ao amianto dez veces superior ao recomendado polos expertos en saúde laboral, o que suporá máis mortes de persoas traballadoras por este motivo.

    Por outra parte, no ámbito estatal debemos destacar a creación do Fondo de Compensación para as vítimas do amianto. En UGT e CCOO consideramos que a lei de creación deste fondo supuxo un logro da loita sindical, xa que o viñamos reivindicando desde hai moitos anos, xunto coas asociacións de vítimas. Porén, é un logro agridoce porque non se establece a exención fiscal para as indemnizacións. Ademais, seguimos sen un regulamento que rexa o seu funcionamento e que fixe unhas contías dignas, imprescindibles para que sexa un instrumento útil, o que está atrasando a súa posta en marcha e demorando de forma inxustificada a xustiza e reparación que merecen as persoas afectadas e as súas familias.

    Existen tamén outras cuestións ás que se debe facer fronte no campo preventivo: as transicións dixital, demográfica e ecolóxica. O cambio climático xa está impactando na seguridade e a saúde das persoas traballadoras, como puidemos constatar de maneira tráxica o pasado verán. Polo tanto, é indispensable traballar desde a xestión preventiva para adaptar as condicións de traballo ao novo escenario climático.

    A protección da saúde mental das persoas traballadoras é a grande esquecida da xestión preventiva; proba disto é que as principais causas de morte durante a xornada laboral foron os infartos e derramos cerebrais, patoloxías que están asociadas á exposición a riscos psicosociais, que son os menos avaliados nas empresas. A precariedade laboral ou a combinación de altas esixencias e baixo control no traballo están ligadas a unha peor saúde mental. E todo isto nun contexto de intensificación do traballo asociado a procesos de dixitalización, xestión algorítmica da organización de traballo ou economía de plataformas, que non se van deter.

    É imperativo avanzar na incorporación da perspectiva de xénero na seguridade e a saúde no traballo, facilitar a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, feminizar a listaxe de patoloxías e profesións do real decreto de enfermidades profesionais, así como no resto de materias de prevención. Só así poderemos contrarrestar as desigualdades de xénero presentes na prevención de riscos laborais.

    No entanto, os maiores retos que afrontamos son estes: conseguir que as empresas cumpran ao pé da letra coa normativa en materia de prevención de riscos laborais, internalizar a xestión preventiva nas empresas e acabar co transvasamento de patoloxías profesionais ao sistema de seguridade social.

    Desde CCOO e UGT instamos as distintas Administracións, así como as empresas, a tomar solucións drásticas nesta materia e a que dean á seguridade e á saúde a importancia que merecen. Convén recordar que morren dúas persoas traballadoras ao día, e isto podería evitarse se as empresas cumprisen coa normativa en materia de prevención de riscos laborais.

    Para iso necesitamos unha Inspección de Traballo e Seguridade Social reforzada, con máis medios humanos e materiais para cumprir co seu labor esencial de vixilancia do cumprimento normativo en seguridade e saúde no traballo.

    Igualmente, reclamamos maiores recursos para a Fiscalía de Seguridade e Saúde no Traballo, co obxectivo de intensificar a súa actuación naqueles casos en que, aínda que non houbese resultado de lesións ou morte, se poña en risco a seguridade e a saúde das persoas traballadoras.

    Recentemente asinamos a Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027 (EESST) xunto a patronal, Goberno e comunidades autónomas; e aínda que quedan por desenvolver os plans de acción bienais, esperamos que se converta no instrumento de referencia que concrete o desenvolvemento e mellora das políticas de prevención de riscos laborais que necesitamos. Con todo, a EESST tardará en dar resultados, polo que instamos o Goberno a que convoque con urxencia a Mesa de Diálogo Social en materia de prevención de riscos laborais, anunciada no propio asinamento da Estratexia polo Ministerio de Traballo e Economía Social, na que se acorden medidas urxentes e inmediatas para acabar coa sinistralidade laboral.

    No Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, UGT e CCOO queremos expresar de novo o noso compromiso coa saúde da poboación traballadora, e por iso seguiremos apoiando, recoñecendo e agradecendo o labor dos delegados e as delegadas de prevención de riscos laborais, que traballan acotío para que os seus centros de traballo sexan máis seguros. O seu é un labor arduo e complicado, pero tremendamente efectivo.

    Somos conscientes de que queda moito camiño por diante; aínda así, estamos convencidos de que coa vontade e o esforzo de todos os axentes implicados conseguiremos alcanzar ambientes de traballo seguros e saudables.