Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO asina o preacordo do Convenio do comercio vario da provincia da Coruña

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia informa do asinamento do preacordo do Convenio do comercio vario da provincia da Coruña, que regula as condicións laborais de máis de 22.000 persoas. O documento, que deberá ser validado pola afiliación do sindicato antes da súa ratificación, recolle incrementos salariais e diferentes melloras de carácter social. As subas pactadas supoñen unha actualización inmediata de salario do 11,5 % no momento en que o texto entre en vigor.

    25/04/2023.
    Preacordo no convenio do comercio vario da provincia da Coruña

    Preacordo no convenio do comercio vario da provincia da Coruña

    No capítulo salarial, páctanse incrementos retributivos do 4 % para o ano 2021, do 3,5 % para o 2022 e do 4 % para o 2023, sumando un 11,5 % entre os tres anos. Para 2024 e 2025, a suba acordada é dun 3 % para cada exercicio. Así mesmo, pagaranse atrasos con data de xaneiro do 2022, que se aboarán durante a vixencia do convenio.

    Canto ao traballo en domingos e festivos, aboarase con 25 euros para os anos 2023 e 2024 e con 30 euros a partir do 2025. Ademais, as tardes dos días 24 e 31 de decembro aboaranse con 12 euros por hora a partir das 14 horas.

    Outras melloras salariais son a actualización do salario de encargado ou encargada, cun salario inicial de 1125,73 euros —nas táboas vixentes era de 1080,64—, soldo sobre o que se aplicarán os incrementos pactados no convenio. Pola súa parte, as categorías de axudante de dependente/a pasarán a dependente/a aos seis meses, e todas as dependentas e dependentes pasarán ao salario de dependente/a maior.

    Canto aos complementos, o convenio recolle un compensatorio de beneficios de 200 euros mensuais para as empresas cun cadro de persoal na provincia de máis de mil persoas e beneficios nos últimos tres anos.

    Entre as melloras sociais está o aumento da licenza de matrimonio ou parella de feito a vinte días naturais; a licenza por falecemento ou enfermidade de familiar pasa a ser dun mínimo de cinco días; o recoñecemento do parte de repouso para a percepción do 100 % do salario; un día máis de libranza por asuntos propios; libranzas polo tempo necesario para presentarse a exames oficiais ou oposicións; e a equiparación da convivencia acreditada coas parellas de feito. Así mesmo, outórganse seis sábados libres completos cada ano co obxectivo de fomentar as coñecidas como «fins de semana de calidade», medida que entrará en vigor en xaneiro do 2024.

    O preacordo de convenio tamén cifra os importes dos seguros de invalidez e morte en 35 000 euros no 2024 e en 40 000 a partir do 2025. Tamén limita a un máximo de nove meses as contratacións de duración determinada, ao tempo que recolle unha inactividade máxima de cinco meses para o persoal fixo-descontinuo.

    Por último, e como novidade, incorpórase ao ámbito do Convenio do comercio vario da provincia da Coruña o persoal do sector de venda de mobles, cuxo convenio estaba sen renovar desde o ano 2011.