Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

Primeiro de Maio 2023 Pontevedra: Subir salarios! Baixar prezos! Repartir a riqueza! Traballo digno na comarca!

    Neste 1.º de Maio de 2023 temos que seguir impulsando o avance en dereitos e en dignidade para que a clase obreira obteña as melloras dunha distribución máis equitativa da riqueza. Non nos van regalar nada. A loita continúa.

    02/05/2023.

    URL | Código para insertar

    Non podemos esquecer neste 1.º de Maio que a clase traballadora deste país, ademais dun posto de traballo e condicións laborais dignas, precisa o acceso a unha vivenda. A aprobación da Lei de vivenda é un punto de partida para protexer e mellorar este dereito fundamental, pero servirá para ben pouco se non se regula a especulación no sector.

    Os prezos abusivos do alugueiro ou a forte demanda de vivendas de uso turístico comezan a saturar o sector inmobiliario de Pontevedra e a comarca. Temos un mercado de alugueiro que se caracteriza sobre todo por pechar no inverno e abrir para o alugueiro turístico. Dende CCOO defendemos o dereito a unha vivenda adecuada, digna e accesible para a maioría social.

    Froito da mobilización de moito tempo e dunha aposta incondicional polo desenvolvemento do sector industrial, todos aqueles que nos mobilizamos pola permanencia de Ence en Lourizán vimos con ledicia como o Tribunal Supremo reparou unha inxusta sentenza da Audiencia Nacional, que simplemente reproducía os argumentos do Goberno. A permanencia de Ence supón un alivio para miles de traballadoras e traballadores, e o mantemento dun dos principias motores que dinamiza e xera plusvalía no sector forestal galego, abrindo novas perspectivas de desenvolvemento industrial.

    Pero tamén temos que lamentar que ENCE, co beneplácito da Xunta e do PSOE, decidira completar o ciclo produtivo de Lourizán nas Pontes de García Rodríguez, furtándolle á comarca de Pontevedra un importante inverstimento de centos de postos de traballo, co ominoso silencio cómplice dos partidos con representación nas institucións de Pontevedra e dos demais sindicatos.

    O modelo de desenvolvemento económico da comarca de Pontevedra, que se impulsa dende o Concello de Pontevedra e a Deputación, asentado só no sector dos servizos, non garante nin emprego suficiente, nin moito menos emprego de calidade.

    A redución de poboación da cidade de Pontevedra, malia atoparnos no eixe atlántico, que asume a migración do interior do país cara á costa, é un síntoma de que un modelo baseado nos servizos nin crea emprego suficiente nin, por suposto, de calidade e axuda a aumentar o número de persoas traballadoras pobres.

    A Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello de Pontevedra teñen a obriga de impulsar o crecemento económico da comarca, onde o sector industrial debe ganar peso; pero para iso, tanto o Concello como a Deputación teñen que mudar as súas políticas contrarias ao desenvolvemento industrial.

    Subir salarios! Baixar prezos! Repartir a riqueza! Traballo digno na comarca!