Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Miles de persoas saíron ás rúas das vilas e cidades galegas para reclamar que se suban os salarios, que se baixen os prezos e se repartan os beneficios

    Miles de persoas, convocadas por CCOO e UGT, saíron ás rúas das principais vilas e cidades galegas para celebrar este Primeiro de Maio baixo o lema «Subir salarios, baixar prezos e repartir beneficios».

    02/05/2023.

    URL | Código para insertar

    Xa é o segundo ano que se conmemora un Primeiro de Maio co pano de fondo da guerra en Ucraína, feito que estivo presente en todas as mobilizacións, onde se puxo de relevo a necesidade, hoxe máis ca nunca, da solidariedade internacional e do compromiso coa paz. O conflito bélico, ademais do drama humano, está a provocar tamén unha tensión xeopolítica mundial que está repercutindo no incremento dos prezos. Isto, xunto coa alza dos tipos de xuro, problemas na subministración ou suba do prezo da vivenda, tradúcese en serias dificultades de moitos fogares para chegaren a fin de mes.

    Neste Primeiro de Maio, CCOO e UGT denunciaron que a inflación non vén motivada só polo contexto internacional; unha parte importante desta subida está causada polo exceso de beneficios empresariais. As empresas repercuten as subas enerxéticas e de materias primas no prezo final que aboan as persoas consumidoras, de xeito que manteñen as súas marxes de beneficios.

    Ante isto, CCOO e UGT esixen neste Primeiro de Maio responsabilidade social ás empresas pero tamén unha resposta pública que lles permita aos máis vulnerables facer fronte á suba dos prezos. Se ben é certo que xa se puxeron enriba da mesa medidas neste senso, ante a conxuntura actual cómpre reforzalas e dotalas de eficacia.

    Este Primeiro de Maio debe servir tamén para celebrar todo o conseguido no contexto do diálogo social cos acordos alcanzados entre Goberno e os sindicatos CCOO e UGT. Os acordos en materia de pensións e SMI supoñen a protección das rendas de preto de 900.000 persoas en Galicia, manténdose o poder adquisitivo de 770.000 pensionistas e de máis de 100.000 persoas que dependen do SMI. Hai que lembrar que as pensións tiveron un incremento do 8,5 % e que o SMI acumula unha suba do 47 % na lexislatura.

    Pero aínda hai materias pendentes. Ante unha inflación tan elevada como a actual, hai que protexer as rendas do traballo, os salarios. Urxe garantir, mediante a negociación colectiva, salarios que crezan en parámetros equivalentes á inflación, para o que cómpre demandar cláusulas de garantía salarial en todos os convenios. Para isto, apostamos polo V Acordo de emprego e negociación colectiva (AENC), que ha servir para garantir o poder de compra, pero tamén para traspoñer aos convenios toda a normativa xa aprobada, como a reforma laboral ou adaptación a un novo modelo económico máis sostible. CCOO e UGT van traballar polo acordo pero, se se pechan as portas, tanto nos convenios individuais como ao AENC, haberá conflito nas rúas.

    O emprego tamén se vai manter como o principal obxectivo sindical. A reforma laboral de 2021 está a melloralo: superouse o millón de persoas afiliadas á Seguridade Social en Galicia e reduciuse a temporalidade en 7,7 puntos nun só ano. Ao tempo, a contratación indefinida pasa dunha media mensual do 9,5 % ao 38 %, mellórase o emprego de mulleres e mozos. É dicir, a reforma laboral dá os seus froitos pero hai que seguir traballando nesta liña.

    Queda camiño por andar. Con case tres millóns de persoas en situación de desemprego en España, 142.000 en Galicia, é preciso procurar unha saída digna a todas elas, reforzando as políticas activas de emprego e os servizos públicos de emprego.

    A ambos os sindicatos tamén lles preocupa o custo do despedimento neste país. España asinou no 2021 a Carta Social Europea, de obrigado cumprimento. Pero aínda segue sendo fácil e barato despedir. Hai que avanzar cara a un custo do despedimento suficientemente disuasorio, xusto e axeitado ás circunstancias sociais, vitais e de reempregabilidade das vítimas de decisións inxustas, de acordo coa doutrina do Comité Europeo de Dereitos Sociais.

    En definitiva, este Primeiro de Maio debe servir para saudar os logros acadados, que están a permitir que os efectos das dúas grandes crises destes últimos anos sexan máis leves para a clase traballadora, pero tamén para demandar que se manteña e se faga fincapé nas medidas que garanten o paraugas social. Apostamos por seguir incidindo nas políticas sociais, o fortalecemento dos servizos públicos, polo dereito a unha vivenda digna, polo emprego de calidade, pola igualdade, a fiscalidade suficiente e progresiva... Temos que seguir avanzando en dereitos, liberdades e dignidade para que as maiorías sociais vivan mellor.