Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

O convenio do metal da provincia de Pontevedra, con marxe de negociación pero sen acordos na mesa

    CCOO lamenta que os que levan sen asinar o convenio desde hai catorce anos (2009) sigan actuando con fins políticos e partidistas, máis aínda coas eleccións de por medio, actuando por libre e en solitario.

    08/05/2023.
    NC Convenio Metal Prov. Pontevedra

    NC Convenio Metal Prov. Pontevedra

    Polo de agora levamos celebradas seis xuntanzas de negociación do Convenio Provincial do Metal de Pontevedra. Aínda estamos na primeira fase, na que todas as partes, tanto os tres sindicatos como a patronal, estamos explicando e concretando as reivindicacións das nosas plataformas.

    Aínda que a negociación está sendo máis áxil ca en convenios anteriores á pandemia, neste momento non hai ningún acordo sobre a mesa, só unha intención de negociar cunha vixencia do convenio para tres anos, sempre vinculado ao contido total, aducen, que dependerá das melloras que se consigan.

    Desde Comisións Obreiras cremos necesario lembrar que o convenio xa aplicou unha suba salarial ao comezo do ano, actualizando as táboas case un 4 % grazas á cláusula de revisión sobre o IPC incorporada no convenio do 2017 (artigo 45.b); pero esa suba só mitigou unha pequena parte do aumento do custo da vida, polo que seguimos a esixirlle á patronal subas salariais para este ano 2023 e a rebaixa da xornada anual, pois levamos 23 anos coa mesma, é dicir, 222 días laborais.

    Tampouco esquecemos o resto de temas. Hai moitos puntos que cómpre actualizar consonte a realidade actual, desde a subrogación privada, a xestión da compensación das gardas, os desprazamentos, as axudas de custo, as vacacións, as categorías, licenzas, lactación, protocolo de acoso, baixas por enfermidade, teletraballo, desconexión dixital, e así ata 34 puntos na negociación.

    Para Comisións Obreiras é fundamental darlle pulo ao convenio do metal, sobre todo tras a anterior negociación en período de pandemia, cando se simplificou o acordo nos principais temas.

    Para conseguir avances é necesario que todos os sindicatos traballemos unidos polo mesmo obxectivo, que ha ser a mellora das condicións das persoas traballadoras. Por iso lamentamos que os que levan 14 anos (2009) sen asinar o convenio sigan actuando con fins políticos e partidistas, máis aínda coas eleccións de por medio, actuando por libre e en solitario.

    Desde CCOO esperamos que recapaciten e aposten agora pola unidade.