Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

O PP retrátase co seu rexeitamento á ILP en defensa da atención primaria

    Esta mañá debateuse no Parlamento de Galicia a iniciativa lexislativa popular (ILP) en defensa da atención primaria, promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública, da que forma parte o Sindicato Nacional de CCOO. Mentres se producía o debate, nos exteriores do pazo do Hórreo concentrábanse membros da plataforma.

    09/05/2023.
    Concentración de SOS Sanidade Pública a carón do Parlamento de Galicia

    Concentración de SOS Sanidade Pública a carón do Parlamento de Galicia

    A encargada de defender a ILP na Cámara autonómica foi Vanessa Viquendi Fernández, do colectivo Pediatras e Matronas Xa!! Canto á votación, non houbo sorpresas: o PP, como xa viña anunciando, votou en contra da iniciativa. Fíxoo, ademais, con argumentos alleos ao texto sometido a debate e con críticas ás organizacións que integran SOS Sanidade Pública. A favor da ILP votaron, en bloque, as deputadas e deputados do BNG e do PSdeG.

    A ILP que chegaba hoxe ao Parlamento era o froito de máis dun ano de traballo das ducias de organizacións que forman parte de SOS Sanidade Pública e viña avalada por máis de 50.000 sinaturas, cifra que multiplica por cinco o mínimo que se esixe para admitir a trámite estas iniciativas.

    Anos de recortes

    Con esta ILP, SOS Sanidade pretende reverter os anos de recortes no sistema sanitario público, particularmente na atención primaria, e evitar que se siga favorecendo o sector privado á custa do ben común. Así mesmo, critica que o Sergas sexa incapaz de planificar e xestionar a atención primaria, actitude que pon en risco a continuidade do sistema.

    Na ILP propúñanse medidas para rescatar e fortalecer a atención primaria: incrementar o persoal, priorizar a atención presencial, reabrir os centros de saúde e PAC pechados, acabar coa precariedade laboral e fomentar a participación da poboación e do persoal sanitario na planificación e xestión dos centros.