Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO reúne case duascentas persoas en Santiago nunha xornada sobre a saúde mental no traballo

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) reuniu este venres no edificio Cersia case duascentas persoas en Santiago para a xornada «A saúde mental e a súa relación co traballo». Este acto contou coas intervencións de Armando Iglesias, secretario de Saúde Laboral do S. N. de CCOO de Galicia, Adela Quinzá-Torroja, directora do ISSGA, Carlos Montes, psicólogo e profesor da USC, Juan Manuel Rodríguez, xefe de sección do ISSGA en Ourense.

    12/05/2023.
    Xornada de saúde mental organizada por CCOO

    Xornada de saúde mental organizada por CCOO

    Armando Iglesias sinala que a protección da saúde mental das persoas traballadoras é «a grande esquecida da xestión preventiva». Proba disto é que, segundo un informe elaborado polo sindicato o pasado mes de abril, as principais causas de morte durante a xornada laboral no último ano foron os infartos e derramos cerebrais, unhas patoloxías que están «asociadas á exposición a riscos psicosociais».

    A isto cómpre engadir, apunta o sindicalista, o contexto de «intensificación do traballo asociado a procesos de dixitalización, xestión algorítmica da organización do traballo ou economía de plataformas, que non se van deter», polo que se precisa reforzar a acción preventiva.

    A precariedade laboral ou a combinación de altas esixencias e baixo control no traballo «están ligadas a unha peor saúde mental», apunta o sindicalista. Esta preocupación levou a CCOO a organizar esta xornada, que se enmarca na campaña de concienciación emprendida polo sindicato no marco do Día Internacional da Seguridade Laboral, que tivo lugar o pasado 28 de abril.