Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO destaca na Coruña que a reforma pactada polo sindicato garante as pensións «agora e no futuro»

    A Unión Comarcal de CCOO da Coruña organizou o mércores, 10 de maio, unha charla-coloquio sobre o sistema público de pensións. Como relatores interviñeron Carlos Bravo e María Cadaval. Presentou o acto Cristóbal González Triñanes, secretario xeral da Unión Comarcal de CCOO da Coruña.

    11/05/2023.
    De esquerda a dereita, Carlos Bravo, Cristóbal González e María Cadaval

    De esquerda a dereita, Carlos Bravo, Cristóbal González e María Cadaval

    Comezou intervindo María Cadaval, salientando o aumento da esperanza de vida da poboación, o que obriga a «repensar» estereotipos relaconados coas persoas traballadoras de idade, avogando por unha actualización continua e saída gradual e flexible do mercado laboral de cara á xubilación.

    Adobre crise financeira e inmobiliaria da década pasada acompañouse de dúas reformas do sistema de pensións —2011 e 2013— que se centraron en reducir os gastos, de xeito que se baixaron as pensións actuais, pero sobre todo as futuras. Esta situación cambiou coas últimas reformas, froito do diálogo social, que prevén un aumento das vías de ingresos.

    Neste sentido, as cotizacións son só unha vía —a principal— de financiamento das pensións, pero deben complementarse con impostos, fondos de reserva e, en casos excepcionais, tamén con débeda. Pero para que isto sexa posible hai que actuar en dúas cuestións fundamentais, que aínda hoxe están pendentes: a reforma do conxunto do sistema tributario e o incremento da produtividade da economía española.

    Pola súa parte, Carlos Bravo defendeu o último acordo de pensións, aseverando que preserva a sostibilidade do sistema «agora e no futuro». Segundo relatou o especialista de CCOO, trátase de «manter un sistema de pensións equiparable ao que temos na actualidade, non só para as xeracións que acceden inminentemente á xubilación, senón tamén para os máis novos».

    O secretario confederal de Política Social de CCOO tamén destacou que este último acordo contribúe a «reducir a fenda de xénero nas pensións», pois actualmente as pensións de xubilación das mulleres son sensiblemente inferiores ás dos homes debido ás súas irregulares carreiras de cotización.

    Neste sentido, cómpre lembrar que o acordo negociado por CCOO establece un complemento da fenda de xénero un 10 % adicional ao que o faga a inflación nos dous próximos anos. Mellora a fórmula de integración de lagoas para as mulleres traballadoras, aumentando ata cinco anos os períodos que se computan ao 100 % da base mínima e ata dous anos adicionais os que o fan ao 80 % desa referencia.

    Relatores

    Carlos Bravo Fernández é licenciado en Dereito e en Xeografía e Historia. Foi profesor asociado no Departamento de Dereito Social e Internacional Privado da Universidad Carlos III de Madrid. Colabora habitualmente con distintas universidades en cursos, másteres ou actos formativos. Actualmente é o secretario de Políticas Públicas e Protección Social da Confederación Sindical de CCOO e formou parte do equipo sindical que negociou os últimos acordos de pensións.

    María Cadaval Sampedro é profesora do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e doutora europea en Economía Aplicada. Entre outras moitas ocupacións, é membro do Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público (OIRESP) e columnista e colaboradora de varios medios de comunicación.