Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

A folga indefinida do persoal funcionario de Xustiza continúa hoxe con máis do 85 % de participación

    CCOO afirma: «Non pararemos ata conseguir que o Ministerio e o Goberno atendan as nosas reclamacións».

    24/05/2023.
    Folga Xustiza

    Folga Xustiza

    O sindicato informa de que, ademais das mobilizacións de Madrid —onte diante do Ministerio de Facenda e hoxe diante do Congreso dos Deputados ás 12.00 horas—, as concentracións esténdense por toda España con miles de traballadores e traballadoras indignados, o que, unido á práctica paralización da actividade nos centros de traballo, ten que obrigar a esta Administración a efectuar unha inmediata proposta e iniciar as negociacións co comité de folga.

    A xuízo de CCOO, é xa indecente e inexplicable para a opinión pública que o Ministerio de Xustiza siga sen sentarse a negociar un verdadeiro conflito social de incalculables consecuencias. «Xa son millóns de persoas as que se están vendo afectadas na práctica paralización dos seus asuntos xudiciais e do Rexistro Civil pola actitude intransixente, soberbia e clasista de Pilar Llop, que só atende as reclamacións do persoal dos corpos de maior titulación e ignora e despreza o resto», sinala Luís Calero, secretario xeral do sector da Administración de Xustiza de FSC-CCOO.

    Para este sindicato e para o comité de folga, do que tamén forman parte os sindicatos CSIF, STAJ e UGT, xa non hai ningunha escusa: teñen que sentarse a negociar a mellora retributiva de todo o persoal e non só duns poucos privilexiados cuxo traballo saca adiante en gran parte o persoal agora en folga; deben sentarse a negociar un novo catálogo de funcións de cada corpo funcionarial para adaptalo á realidade e mellorar así o servizo público, recoñecendo a profesionalidade do persoal; teñen que negociar o contido da Lei de eficiencia organizativa, porque afecta as condicións de traballo; e teñen que aprobar, logo da negociación, o real decreto que desenvolva a carreira profesional, un dereito recoñecido desde hai catro anos e medio na LOPX que tamén se reclama. 

    CCOO manifesta que a fin da folga indefinida está en mans dos responsables ministeriais de Xustiza e de Facenda e, ante a súa incapacidade, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, debe actuar decontado para poñer fin a este despropósito e a este desastre que están provocando destacados membros do seu Executivo, como son a ministra e o secretario de estado de Xustiza, coa complicidade da ministra de Facenda.

    «Os traballadores e as traballadoras da Administración de Xustiza non somos os causantes desta deterioración do servizo público que denunciamos xunto á cidadanía afectada. Somos, como esta, vítimas de gobernantes que, neste conflito, non están á altura que se espera deles», afirma Luís Calero, que engade que, salvo unha inmediata rectificación, «que esiximos e esperamos por parte do Goberno de España, a folga indefinida vai continuar con máis forza porque estamos cada vez máis indignados. As mobilizacións e protestas públicas tamén irán en aumento. Animamos a todos e todas a acudir á gran manifestación que se celebrará este xoves, 25 de maio, na que encheremos masivamente as rúas de Madrid para esixir as nosas xustas reivindicacións».