Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

Folga do transporte urbano de Santiago cadrando co festival O Son do Camiño

    Os traballadores e traballadoras do servizo de transporte en autobús do Concello de Santiago irán á folga os días 15, 16, 17 e 18 de xuño, cadrando co festival O Son do Camiño. Non descartan que posteriormente o paro sexa indefinido. Actualmente, o servizo está en fase de licitación. O persoal transmitiulle persoalmente ao alcalde de Santiago o seu malestar cos pregos e esixe ser contratado por unha única empresa.

    25/05/2023.
    Autobús urbano de Santiago de Compostela | Foto: Concello de Santiago

    Autobús urbano de Santiago de Compostela | Foto: Concello de Santiago

    As traballadoras e traballadores rexeitan ser contratados por varias empresas en caso de gañar o concurso unha UTE (unión temporal de empresas), como acontece actualmente, pois as case 130 persoas adscritas ao servizo están divididas entre sete empresas: Tralusa e Aulusa (UTE que constitúe o contrato principal, con dous centros de traballo); así como Rías Baixas, Hermanos Ferrín, Autos Grabanxa, Aucasa e Castromil.

    O persoal esixe que cambie esta situación coa adxudicación do novo contrato, pois as condicións laborais son diferentes en cada empresa e, ademais, empeoran o servizo ao non permitir unificar o control sindical que se fai sobre as condicións técnicas e de prestación aos ususarios e usuarias.

    A representación legal do persoal matiza que, nos novos pregos, está solucionado parte do problema, pois todas as liñas con contratos diferentes estarán unificadas no mesmo. Porén, nada impide que a empresa gañadora ou as que o fagan en UTE dividan posteriormente o persoal, co prexuízo laboral xa descrito.

    O conflito, inicialmente, ía comezar ás portas das eleccións locais, con folga os días 26, 27 e 28 de maio. Porén, unha vez comunicada formalmente a convocatoria, o Concello citou o comité a unha reunión para o luns, 22 de maio, na que o Goberno local recoñeceu ser consciente das preocupacións dos traballadores e traballadoras.

    O Concello comprometeuse a estar especialmente vixiante no relativo á subrogación do persoal e unificación das relacións laborais, pero a solución técnica non será doada porque os pregos están xa publicados. Pola súa parte, o comité de folga fará de xeito oficial unha pregunta sobre a interpretación dos pregos nesta materia laboral e sobre como inflúe a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación ás UTE.

    Após a reunión, a asemblea de persoal acordou por unanimidade manter a folga só nos días en que cadraría co Son do Camiño. Unicamente se suspendería se a resposta do Concello á pregunta sindical vai na liña do defendido polo comité.