Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO renova a maioría absoluta na xunta de persoal da Deputación de Pontevedra

    Comisións Obreiras (CCOO) renovou a súa maioría absoluta na xunta de persoal da Deputación de Pontevedra tras a celebración o xoves das eleccións sindicais na institución provincial. Nestes comicios participou aproximadamente o 82 % das 856 funcionarias e funcionarios, distribuídos en catro mesas. A candidatura de CCOO gañou en todas as mesas e logrou 11 dos 21 delegados e delegadas que se elixían (52,38 %), seguida da UGT con sete e da CIG con tres.

    26/05/2023.
    Grazas persoal da Deputación Pontevedra

    Grazas persoal da Deputación Pontevedra

    O resultado total das votacións foi de 336 votos para CCOO (11 delegados/as), 204 para a UGT (7) e 111 para a CIG (3). Houbo, ademais, 26 votos en branco e dez nulos. Por mesas, o resultado foi:

    — Mesa itinerante (servizos periféricos): CCOO 29 votos, UGT 24 e CIG 9.

    — Mesa do parque de maquinaria: CCOO 38 votos, UGT 9 e CIG 3.

    — Mesa do Príncipe Filipe: CCOO 66 votos, UGT 53 e CIG 37.

    — Mesa do pazo provincial (servizos centrais): CCOO 203 votos, UGT 118 e CIG 62.

    Para CCOO, estes resultados supoñen o referendo da súa liña de acción sindical reivindicativa e a defensa dos servizos públicos fronte ás «políticas privatizadoras» do Goberno provincial, que se viu corroborada coa obtención do 76 % dos votos do persoal do parque de maquinaria.

    O persoal funcionario da Deputación «non lle deu as costas a CCOO», malia o «traballo moi activo desenvolvido polo partido maioritario do Goberno provincial a favor da UGT», sinala o sindicato. O resultado é unha «clara manifestación a favor dunhas relacións laborais nas que se poña en valor a defensa dos intereses colectivos do cadro de persoal, fronte a prebendas para algúns».

    Desde CCOO salientan o traballo realizado polos compañeiros e compañeiras da organización nos últimos catro anos, período en que se fixo «un traballo moi duro para manter o apoio das persoas que traballan na Deputación, a pesar das inxerencias externas».

    CCOO agradécelle a toda a súa afiliación e ás persoas que votaron por este sindicato o apoio expresado nestas eleccións, pois «reforzan o modelo de sindicalismo útil e efectivo que ten como obxectivos fundamentais acadar melloras para as traballadoras e os traballadores e a defensa dun servizo público de calidade».