Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

O paro cae en Galicia máis que na media estatal, pero a afiliación á Seguridade Social medra menos

    Comisións Obreiras (CCOO) salienta que o paro caeu en Galicia máis que na media estatal, se ben a afiliación á Seguridade Social aumentou menos. Así se desprende dos datos do paro rexistrado do mes de maio, coñecidos hoxe. O desemprego diminuíu en Galicia en 4909 persoas (–3,52 %) e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 6186 afiliados e afiliadas (un 0,58 %). Considerando os datos da afiliación media mensual, esta sobe en 8770 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (un 0,84 %). Esta cifra, con todo, é menor que a estatal (0,97 %), sinala a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza.

    02/06/2023.
    Datos do paro rexistrado

    Datos do paro rexistrado

    Para CCOO son datos positivos, pois a baixada do desemprego «trasládase a todos os sectores de actividade» —con maior intensidade na industria e na construción—, a ambos os sexos e a todos os tramos de idade. Non obstante, «a caída do paro é menor entre as mulleres ca entre os homes, o que agrava a situación de desigualdade no mercado laboral», lamenta a secretaria de Emprego de CCOO.

    A sindicalista tamén coida positivo o incremento da afiliación, malia ser inferior ao rexistrado no Estado. A reforma laboral «segue influíndo positivamente na calidade do emprego», subliña, xa que o 36 % dos contratos que se rexistraron no mes de maio foron indefinidos. Porén, «sorprende que esta porcentaxe sexa case nove puntos inferior á porcentaxe de contratación indefinida rexistrada no conxunto do Estado», advirte Bouza.

    En maio, o desemprego reduciuse tanto nos homes (2503 desempregados menos) coma nas mulleres (2406 menos). A maior diminución do masculino (–4,33 %) que do feminino (–2,94 %) «consolida a fenda das mulleres no desemprego, onde seis de cada dez persoas paradas son mulleres», apunta Bouza.

    O desemprego caeu en 334 mozos e mozas menores de 25 anos, mentres que entre as persoas maiores desa idade se reduciu en 4575. «Non obstante, en termos porcentuais a redución na mocidade é superior que nas persoas maiores: 6,10 % fronte a 3,41 %», aclara a secretaria de Emprego de CCOO.

    No tocante á contratación no mes de maio, fixéronse 63 415 contratos en Galicia (+22,76 %) e, aínda que o groso deles son temporais (42 436 por 18 797 indefinidos), «catro de cada dez contratos son indefinidos», sinala a sindicalista.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 55 221 homes (4909 menos que en abril) e 79 213 mulleres (2406 menos). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres, malia a boa evolución do mercado laboral no último mes. Atendendo ás idades, hai 5470 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (334 menos) e 129 298 maiores desa idade (4575 menos).

    O paro descendeu en todos os sectores de actividade: nos servizos hai 3712 persoas desempregadas menos, –506 na industria, –382 na construción, –110 no sector primario e –199 no colectivo sen emprego anterior.

    Análise da contratación

    En abril rexistráronse en Galicia 63 415 contratos, dos cales 42 436 foron temporais e 18 797 indefinidos. O volume de contratos rexistrados foi superior nun 22,76 % aos formalizados en abril: a contratación indefinida subiu un 7,47 % mentres que a temporal o fixo un 32,05 %.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 6186 persoas, ata situarse en 1 057 831 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,58 % respecto do mes anterior. A afiliación media mensual aumenta en 8770 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 059 085. Deste total, 833 369 corresponden ao réxime xeral, 206 154 ao de autónomos e 19 562 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase un 0,84 % fronte ao 0,97 % estatal, como xa se indicou.

    Prestacións por desemprego

    En maio cobraron algún tipo de prestación por desemprego 82 627 persoas: 36 557 prestacións contributivas e 46 070 subsidios. Por último, con relación aos ERTE, ao final de maio este mecanismo daba cobertura a 765 persoas. Deste total, 700 estaban en ERTE ETOP —causas económicas, técnicas ou produtivas— e 65 en ERTE de forza maior.