Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Xullo 2024.

CCOO denuncia a perda de poder adquisitivo no novo convenio da limpeza de Ourense

    A Federación do Hábitat de CCOO denuncia as malas condicións pactadas por CIG e UGT no convenio provincial da limpeza de Ourense. «Asinaron un texto con salarios por baixo do SMI, absorbendo os trienios do 95 % das traballadoras e condenándoas a non ter suba salarial nin no 2023 nin no 2024», resume o sindicato.

    17/06/2024.
    Carro de limpeza

    Carro de limpeza

    Isto, para CCOO, demostra que «non foi un feito illado» o acordo asinado pola CIG neste sector na provincia de Lugo, o pasado mes de febreiro, tamén con subas por baixo do salario mínimo. Estas decisións, abunda CCOO-Hábitat, «castigan novamente uns cadros de personal eminentemente feminizados, aumentando a precaridade laboral e salarial».

    Para CCOO é «especialmente rechamante» a postura da CIG, que no seu día criticou o V Acordo estatal de negociación colectiva (AENC) por consideralo insuficiente, «pero ao tempo non dubida en asinar convenios moi inferiores ao recollido neste pacto».

    Por último, CCOO tamén critica que tanto a patronal como os sindicatos asinantes impediran que a acta recollese a postura de Comisións Obreiras contra o asinamento deste convenio.