Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Xullo 2024.

CCOO confirma que non asinará o convenio da construción de Pontevedra ao apreciar «inseguridade xurídica»

    A Federación do Hábitat de CCOO de Galicia confirma que non asinará o convenio da construción da provincia de Pontevedra ao apreciar «inseguridade xurídica» en varios puntos do documento. Para Comisións Obreiras, un documento que regula as condicións de máis de 17 000 traballadoras e traballadores «ten que blindar as condicións laborais e ofrecer certezas».

    28/06/2024.
    Edificio en construción

    Edificio en construción

    Logo de realizar as «oportunas consultas cos nosos servizos xurídicos», CCOO-Hábitat sinala que a proposta a que chegaron a CIG e a parte empresarial —e ratificado tamén pola UGT— «invade e prevé incumprir materias reservadas ao convenio estatal».

    Ademais, «non respecta» a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola que xa se declarara a nulidade do convenio anterior, tamén asinado pola CIG e a parte empresarial, e que «vulneraba dereitos xa consolidados para o persoal do sector».

    «Se patronal, CIG e UGT están conformes, que o asinen, pero que non conten con CCOO para incumprir o convenio estatal e, con iso, arriscarse a deixar as traballadoras e traballadores sen a suba salarial a que teñen dereito», advirte Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO-Hábitat de Galicia.

    Neste punto, a sindicalista subliña que as táboas salariais do 2022 e 2023 sufriron incrementos e houbo pagamento de atrasos grazas á intervención da comisión paritaria do convenio estatal.