Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

A Xustiza tomba un recurso da CIG que pretendía recortar dereitos do persoal do Concello de Santiago de Compostela

    A Xustiza acaba de darlle a razón a CCOO e tomba un recurso da CIG co que esta organización pretendía recortar dereitos de traballadoras e traballadores do Concello de Santiago de Compostela. En concreto, o sindicato nacionalista pretendía deixar sen efecto un acordo municipal polo que se aprobaba o pagamento dunha compensación por traballar en fin de semana e festivos. Agora, unha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo n.º 1 da cidade ratifica a validez do dito acordo, ao tempo que reprocha a «falta de lexitimación» da CIG.

    01/07/2024.
    Extracto da sentenza; de fondo, o pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago

    Extracto da sentenza; de fondo, o pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago

    Desde a sección sindical de CCOO no Concello de Santiago de Compostela congratúlanse por esta decisión xudicial, pois ratifica a validez dun acordo adoptado hai catro anos —o 22 de xullo do 2020— polo grupo de goberno. Grazas a el saldábase unha «débeda histórica» co persoal que realizaba parte da xornada laboral en fins de semana ou festivos, unha «circunstancia que había que compensar dalgún xeito».

    Porén, esta non foi a interpretación da CIG, que presentou un recurso contencioso-administrativo no que denunciou tanto o Concello de Santiago como os sindicatos que asinaron o acordo, entre eles CCOO. Non obstante, a sentenza que agora se coñece declara a plena validez da compensación, ao tempo que é moi dura coa organización denunciante.

    Deste xeito, a resolución xudicial manifesta que «non é facilmente recoñecible o interese lexítimo do sindicato [CIG] no presente asunto por canto incluso outros sindicatos e mesmo persoal do Concello [...] se persoaron para defendelo». Así mesmo, subliña que «non se identifica o beneficio que se defende coa actuación da CIG e polo tanto tampouco o interese lexítimo para plantear o presente recurso».

    A sección sindical de CCOO comparte esta visión e pregúntase «que intereses pode ter» un sindicato que litiga para tentar deixar sen efecto unha medida que procura mellorar as condicións dos traballadores e traballadoras municipais, «especialmente cando foi pactada entre o persoal afectado e a propia Administración».