Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

CCOO amosa o seu pesar polo falecemento dun traballador na fábrica de Finsa en Padrón

    CCOO de Galicia traslada as súas condolencias a familiares, compañeiros e compañeiras e amizades do traballador.

    21/08/2024.
    Accidentes laborais Agosto

    Accidentes laborais Agosto

    O secretario de Saúde Laboral do Sindicato Nacional de CCOO Galicia, Armando Iglesias, sinala que a protección da seguridade dos traballadores e traballadoras é «unha das prioridades» nas relacións laborais nun estado de dereito. Por esta razón, «non se poden reducir os esforzos dedicados pola sociedade nesta materia». A falta de cultura preventiva é unha das razóns fundamentais polas que isto acontece. «No que se refire a accidentes mortais, a mala sorte non existe, xa que na inmensa maioría dos casos ocorren por unha cadea de acontecementos que desencadean o fatal desenlace dunha vida perdida», advirte o sindicalista.

    O sindicalista alerta, asemade, do incremento «xeneralizado» da siniestralidade laboral no noso país: «Insistimos na necesidade de colaboración entre os diferentes axentes involucrados na prevención para evitar que traballadores e traballadoras sigan perdendo a vida a causa de accidentes laborais e esiximos a pronta e exhaustiva investigación do sinistro e a depuración de responsabilidades», asevera Iglesias.

    CCOO leva anos denunciando que os datos de accidentes son demasiado altos e revelan que algo está a fallar. CCOO amosa a súa preocupación polos falecementos de traballadores en Galicia no que vai do mes de agosto — 4 persoas —, datos que fan saltar todas as alertas. CCOO reivindica políticas públicas en saúde laboral e un maior control por parte da Administración sobre a aplicación das ferramentas de prevención de riscos laborais en todas as empresas.