Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

Comisións Obreiras e a súa Fundación homenaxearon a Xan María Castro Paz nun acto en Santiago

    O Sindicato Nacional de CCOO e a Fundación 10 de Marzo homenaxearon a Xan María Castro este sábado nun acto en Santiago de Compostela que congregou numerosos compañeiros e compañeiras das Comisións Obreiras, familiares, amizades e responsables de diferentes institucións. De maneira coral, renderon tributo a un dos fundadores do sindicato, do cal chegou a ser secretario xeral entre os anos 2000 e 2009 e tamén presidente da súa Fundación desde o 2013 ata o seu pasamento.

    14/09/2024.

    URL | Código para insertar

    CCOO e a F10M homenaxearon este sábado a Xan María Castro

    CCOO e a F10M homenaxearon este sábado a Xan María Castro

    No acto, presentado polo xornalista Antón Luaces, entregouse o libro Xan María Castro Paz. O sindicalista tranquilo, que repasa a traxectoria do homenaxeado. Ademais, proxectouse un vídeo no que compañeiras e compañeiros das CCOO falaron da súa pegada humana e sindical.

    Deu a benvida aos presentes o actual presidente da Fundación 10 de Marzo, Xesús Castro Baamonde. A seguir tomou a palabra a tenenta de alcaldesa de Santiago de Compostela, María Rozas. Destacou de Xan María que «recibiu en vida as homenaxes que merecía», así como o «recoñecemento unánime» do sindicalismo galego e da clase política polo seu labor.

    O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, referiuse a Xan María Castro como «sinónimo de loita, compromiso, dignidade». Na súa opinión, «sempre representará un anaco da nosa historia colectiva na loita pola democracia e contra as inxustizas», sendo capaz de converter a inxustiza «nunha forza imparable do cambio. Os anos non borrarán nunca o seu legado».

    A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, destacou o compromiso do homenaxeado «no avance social e loita polas liberdades». Neste sentido, subliñou que os axentes sociais son «básicos» na consecución e mellora de dereitos da clase traballadora. Ao respecto, apuntou que Xan María Castro «dedicou gran parte da súa vida á defensa dos dereitos sociais, especialmente en tempos en que as desigualdades ameazaban a clase obreira».

    Parafraseando unha das frases que se puideron escoitar no vídeo proxectado este sábado, o secretario xeral confederal de CCOO, Unai Sordo, enfatizou que «unha cousa é estar en CCOO e outra a xenética de ser de CCOO», concordando con que Xan María Castro «era de CCOO» e persoas como el representaban «unha maneira de entender a vida e o xeito en que se pasa pola vida». Tamén lembrou que a liberdade en España «non foi concedida: pelexouse desde as rúas e persoas coma Xan María foron fundamentais».

    Pechou o acto a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez. Explicou que un dos libros preferidos do homenaxeado era Guerra e paz, «seguramente porque incide na responsabilidade do individuo ante o destino do mundo». Esa mesma responsabilidade, afirmou, «levouno a ser de CCOO e non a estar en CCOO, a comprometerse co sindicato ata o derradeiro alento». Así mesmo, apelou a non esquecer o seu legado, porque «ninguén morre se é lembrado para sempre».

    Campaña pola redución horaria

    En declaracións aos medios de comunicación ao remate do acto, Unai Sordo pronunciouse sobre a campaña a prol da redución da xornada de traballo que impulsa CCOO. «Segue instalada nas 40 horas semanais desde 1981. É hora de reducila significativamente», sinalou.

    O sindicato toma agora a decisión de mobilizarse o vindeiro 26 de setembro porque as negociacións están bloqueadas. «Apelamos á patronal, pero tamén ao Goberno e aos partidos políticos para que, antes de rematar o ano, o Estatuto dos traballadores recolla que a xornada máxima legal de traballo sexa de 37,5 horas», salientou Unai Sordo.