Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Outubro 2024.

CCOO, UGT e ANPE acudirán aos tribunais se a Xunta non aplica integramente o Acordo de melloras

    CCOO, UGT e ANPE denunciarán nos tribunais a Xunta de Galicia se non aplica integramente o Acordo de melloras no sistema educativo, vixente desde o comezo deste curso escolar. Tamén teñen previsto acudir nos próximos días á Valedora do Pobo para trasladarlle toda a información de que dispoñen sobre o estado actual de cumprimento deste pacto.

    27/09/2024.
    De esq. a der., Julio Díaz (ANPE), Borja Campos (CCOO) e Sandra Montero (UGT)

    De esq. a der., Julio Díaz (ANPE), Borja Campos (CCOO) e Sandra Montero (UGT)

    Se ben hai partes do acordo que se están a cumprir e xa están a deixar notar os seus efectos positivos, hai outras que non. Dentro deste grupo están, fundamentalmente, as ratios de alumnas e alumnos por aula e tamén o recollido no Acordo de agrupamentos.

    En oito de cada dez centros cúmprese

    Desde o comezo das actividades lectivas —o pasado 11 de setembro—, as organizacións asinantes do acordo consultaron todos os centros educativos galegos para elaborar un estudo sobre o grao de aplicación. As cifras recollidas revelan que en oito de cada dez se está a aplicar axeitadamente. Polo tanto, serían só 195 centros (18%) onde habería incumprimentos dalgún dos artigos.

    Os tres sindicatos instan a Xunta de Galicia a actuar á maior brevidade e, no tocante ao Goberno galego, diríxense «á persoa asinante do acordo», que foi o propio presidente, Alfonso Rueda. Hai xa dúas semanas que solicitaron unha reunión para tratar estas disfuncións, sen que a día de hoxe houbera resposta.

    Máis profesorado e fin á «sangría» nas aulas

    Malia esta circunstancia, CCOO, UGT e ANPE tamén salientaron os efectos positivos que neste novo curso está traendo o acordo asinado. Por unha banda, a fin da «sangría» de supresións de aulas, sobre todo no rural. Pola outra, o número de docentes en activo «incrementouse significamente» respecto do último curso: 556 máis.