Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

Apostar polos coidados é apostar pola democracia, o traballo decente e a igualdade

    CCOO presentou o mércores o documento 100 medidas para un Pacto integral e estatal de coidados, xermolo do que debería ser unha lei de coidados. Para o sindicato, apostar polos coidados é apostar pola democracia, o traballo decente e a igualdade. Por esta razón, entre o cento de medidas que se recollen aparece a aposta pola redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais, a creación de emprego público e de calidade neste sector e a garantía da educación infantil de 0-3 anos.

    24/10/2024.
    Carolina Vidal e Unai Sordo, na presentación do documento

    Carolina Vidal e Unai Sordo, na presentación do documento

    Na conferencia de prensa na que se presentou o documento, en Madrid, o secretario xeral confederal, Unai Sordo, e a secretaria das Mulleres, Carolina Vidal, cualificaron os coidados de «un asunto estratéxico» que ha ser situado como «un alicerce do Estado do benestar».

    Segundo se expresou, a regulación e articulación desta necesidade «quedou pendente no gran pacto social establecido tras a II Guerra Mundial». Na reconstrución após os desastres do conflito bélico puxéronse en marcha sistemas públicos de sanidade, ensino, pensións, protección por desemprego e mesmo incipientes medidas de protección de rendas, «pero o tema dos coidados quedou á marxe, derivándose ao ámbito privado, familiar, e foron as mulleres as que se encargaron deles», advertiron.

    Na súa opinión, «hoxe é preciso procurar outra maneira de articular isto», de xeito que esta actividade deixe de ser sinónimo de «precariedade, baixos salarios, baixa consideración social e fortemente feminizada», sinalaron os dirixentes sindicais.

    Para abordalo, son necesarios «compromisos reais e dotación orzamentaria». De aí a importancia, como defende CCOO, dunha reforma fiscal «xusta, suficiente e progresiva, que xere recursos para facer realidade estas propostas» que se presentan agora de maneira pública.