Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Novembro 2024.

CCOO e UGT salientan o gran seguimento en Galicia da folga do transporte de viaxeiros

    CCOO e UGT salientan o gran seguimento en Galicia da folga no sector de transporte de viaxeiros, tanto urbanos como interurbanos, coa que se quere esixir a aplicación de coeficientes redutores para unha xubilación anticipada. Ambas as dúas organizacións congratúlanse deste «éxito» malia os elevados servizos mínimos —entre o 40 e o 70 %, segundo os casos— e a «desaparición» da CIG, que non se sumou á convocatoria.

    28/10/2024.
    Cocheiras dos autobuses urbanos de Santiago de Compostela

    Cocheiras dos autobuses urbanos de Santiago de Compostela

    Segundo os sindicatos convocadores, o seguimento da folga foi «maioritario» no sector e transcorreu sen incidencias. As próximas xornadas de folga serán os días 11, 28 e 29 de novembro e 5, 9 e 23 de decembro. A partir desta última data, o paro sería xa indefinido.

    Coeficientes redutores

    Como se indicou, a folga pretende que se recolla no convenio colectivo unha xubilación parcial con contrato de substitución, voluntaria para a persoa condutora que poida acumular de forma continuada a porcentaxe de horas que ten que traballar e que, no seu lugar, entre unha persoa nova. Esta sería unha solución provisional ata que se fosen acumulando coeficientes redutores «pola penosidade e o perigo da profesión», aducen.

    Bloqueo patronal

    CCOO e UGT lamentan as consecuencias que esta folga poida ocasionarlles ás persoas usuarias e lembran que a responsabilidade está no tellado das patronais Confebus e ATTUC, que son as que poderían asinar coa parte sindical a solicitude do inicio de procedemento para aplicar os ditos coeficientes redutores.