Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

CCOO logra o recoñecemento da incapacidade absoluta a unha enferma de fibromialxia

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou unha sentenza que recoñece a incapacidade permanente absoluta para unha traballadora de 59 anos que padece fibromialxia, síndrome de fatiga crónica e múltiples síntomas severos.

    05/11/2024.
    A sentenza, ao ser firme, marca un importante precedente para o recoñecemento de enfermidades incapacitantes como a fibromialxia

    A sentenza, ao ser firme, marca un importante precedente para o recoñecemento de enfermidades incapacitantes como a fibromialxia

    A afectada, cociñeira de profesión, obtivo en 2019 a baixa laboral e, dous anos despois, o INSS concedeulle unha incapacidade total que só cubría o 75% da súa base de cotización.

    Porén, dado o avance dos seus síntomas —graves e debilitantes—, a traballadora decidiu loitar polo recoñecemento da incapacidade absoluta, que lle permite recibir o 100% da base reguladora.

    Defendida pola asesoría xurídica de CCOO en Santiago-Barbanza, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulle a razón á demandante, concluíndo que os graves síntomas lle impiden desenvolver calquera traballo con eficacia, mesmo ocupacións non físicas.

    Para o TSXG, a incapacidade non se limita á imposibilidade de realizar un traballo concreto, senón que tamén inclúe aqueles casos nos que a persoa non pode levar unha vida laboral activa debido á gravidade da súa doenza.

    Segundo CCOO-Servizos, esta sentenza, ao ser firme, «marca un importante precedente para o recoñecemento de enfermidades incapacitantes como a fibromialxia» e significa «un gran paso para visibilizar unha enfermidade que afecta a moitas persoas en condicións similares».