Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

CCOO denuncia que a privatización do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas da violencia de xénero por parte da Xunta de Galicia

    Poñer en mans de empresas privadas a atención das vítimas de violencia de xénero é unha mostra do que realmente lle importa ao Goberno da Xunta de Galicia.

    12/11/2024.
    Privatización do Centro para Mulleres Vítimas da violencia de xénero

    Privatización do Centro para Mulleres Vítimas da violencia de xénero

    CCOO denuncia que a privatización do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas da violencia de xénero (CEMVI) por parte da Xunta de Galicia non garante que se cubran as necesidades das vítimas. Esta atención, pola súa natureza, debe ser pública, é dicir, ten que escapar de criterios económicos, especulativos ou de consecución de beneficios de carácter empresarial.

    A repartición dos CEMVI á iniciativa privada perverte radicalmente o seu carácter social, pois pasa a ser unha fonte máis de negocio para estas empresas. Mentres que o único obxectivo do servizo público é a calidade e aplicar as políticas que nesta materia acorden os axentes implicados, o obxectivo prioritario —na práctica, o único— das empresas é lograr resultados positivos no seu balance e, polo tanto, repartir beneficios entre os seus accionistas. Neste caso, coa Xunta de Galicia chove sobre mollado: a poboación galega vén sufrindo, entre outras, as constantes privatizacións na sanidade publica, nos servizos de emerxencia, na radio televisión galega (a pesar da folga do persoal) ou recentemente os traslados de nenos, nenas e adolescentes do sistema de protección á infancia e á adolescencia.

    A sociedade galega non podemos pasar por alto que a práctica constante da Xunta de Galicia sexa ceder ás grandes empresas, en condiciones privilexiadas, os servizos públicos. Estase atacando directamente o estado do benestar dunha parte da poboación con serios problemas de protección. Os privilexios que uns obteñen sempre son á custa dos dereitos doutros, habitualmente dos máis necesitados. 

    Garantir a defensa das vítimas

    CCOO mantén que a Xunta de Galicia debe garantir a defensa das vítimas de calquera tipo de violencia de xénero e o dereito á atención e o seguimento da evolución do seu estado ata ou seu total restablecemento. Todo isto integrado no sistema público existente. 

    A incorporación de empresas privadas interfire absolutamente nos protocolos, tratamento de datos, seguimento, protección e seguridade das vítimas. Os plans de saúde da Xunta de Galicia e, en especial, o Plan de Atención Integral á Saúde das Mulleres prevé, na redacción inicial e nas revisións periódicas, medidas específicas para a prevención, detección, atención e intervención nos casos de violencia de xénero. Así mesmo, engaden disposicións específicas que contribúen a avaliar o impacto e os efectos da violencia de xénero sobre a saúde das vítimas, integrándose persoal técnico e especialista nos servizos públicos sen necesidade da intervención da iniciativa privada. Na Administración galega, os custos económicos están supervisados polos controis públicos de gasto, pero tamén de calidade, coa liberdade dos axentes, que neste sistema actúan para denunciar calquera disfunción ou irregularidade sen estar sometidos á incerteza da perda do posto de traballo ou posteriores represalias.

    Privatización dos servizos públicos

    CCOO critica a estratexia da Xunta de desmantelamento e privatización dos servizos públicos. Cómpre frear estas políticas para garantir o ben máis prezado que temos, o estado de benestar, que ao mesmo tempo garante a protección social e a saúde. Poñer en mans privadas a atención das mulleres vítimas de violencia de xénero pode supoñer un risco e unha distorsión e inseguridade para o funcionamento do sistema no que participan distintas administracións.

    Este servizo debe prestarse desde o sistema público de saúde, dispoñendo do persoal suficiente e perfectamente integrado nos plans das Administracións contra a violencia de xénero e sen estar suxeito ao balance de resultados empresariais.