Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Xaneiro 2025.

A Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense-Valdeorras homenaxea a Xosé Gómez Gómez

    Homenaxeamos un dos fundadores da nosa organización, delegado por Ourense naquel primeiro congreso do sindicato en 1978, que formou parte da Comisión Executiva do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia.

    18/11/2024.

    URL | Código para insertar

    Xosé Gómez Gómez naceu no seo dunha familia campesiña en Moás (Montederramo), o 22 de novembro de 1952. A súa vocación era o Dereito e chegou a matricularse en Madrid mentres facía o servizo militar.

    Na capital do Estado entrou en contacto co movemento estudantil e aos 21 anos, de volta en Galicia, afiliouse ao Partido Comunista, chegando en poucos meses a ser membro do Comité Central. Retomou a carreira de Dereito xa na Universidade de Santiago de Compostela e participou tamén nas diversas revoltas e reivindicacións estudantís, xa como dirixente comunista.

    Comezou a súa vida laboral en Barreiros Ourense (posteriormente chamada Forjas de Galicia). Alí estreitaría lazos con membros das aínda clandestinas Comisións Obreiras, dando o paso a afiliarse e, a partir de entón, dedicar a súa vida á loita pola clase traballadora.

    O compañeiro Gómez participou en todos os conflitos e mobilizacións da provincia de Ourense no último medio século, estivo presente nas primeiras folgas nas minas de Penouta, en 1980, pasando polo desmantelamento de Citroën, a gran folga xeral de 1998, entre outras.

    No que respecta á organización, foi delegado no I Congreso Nacional de CCOO de Galicia, chegando a formar parte da Comisión Executiva do Sindicato Nacional, e foi membro de todas as direccións das CCOO de Ourense —co cargo de secretario xeral entre os anos 2000 e 2008— ata a súa xubilación. 

    Pola súa traxectoria de compromiso a prol da clase traballadora, o sindicato e a súa fundación outorgáronlle en 2021 o Premios 10 de Marzo que anualmente conceden.

    O acto é o 22 de novembro, ás18:00 horas, no Centro Cutural Marcos Valcarcel, na rúa do Progreso, 30, 32003 Ourense. Como chegar: 🚗