Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

Amelia Pérez: «Non podemos minimizar os casos de acoso sexual ou por razón de sexo»

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia organizou este luns, 25 de novembro, unha xornada enfocada a dar claves para afrontar a violencia machista desde o ámbito laboral, o cal «non é alleo» ás violencias machistas, en particular ás situacións de acoso. Para iso, contou coa maxistrada María Paz Filgueira Paz, que foi titular o Xulgado da Violencia contra a Muller de Vigo; co ex inspector da Policía Local Ángel Ruibal Pérez, especialista no sistema Vioxén e formador na Academia Galega de Seguridade; e a secretaria xeral do sindicato, Amelia Pérez Álvarez.

    25/11/2024.

    URL | Código para insertar

    De esq. a der, Paz Filgueira, Amelia Pérez e Ángel Ruibal

    De esq. a der, Paz Filgueira, Amelia Pérez e Ángel Ruibal

    A maxistrada botou man das estatísticas dispoñibles e da súa experiencia profesional para expoñer ante as máis de cen delegadas e delegados sindicais que participaron na xornada cales son os principais factores que concorren nunha situación de acoso sexual ou por razón de sexo na contorna laboral e como se debe intervir. «Previr, detectar, informar e combater é fundamental», sintetizou Paz Filgueira, ao tempo que fixo fincapé na importancia de que as empresas conten con Plans de igualdade e protocolos actualizados fronte ao acoso.

    Segundo explicou a xurista, case todas as mulleres están ou estarán expostas a algún comportamento de acoso sexual, «independentemente de que o perciban como tal», xa que nalgúns casos poden ser «moi sutís». Malia esta realidade, só o 31% dos plans de igualdade a nivel estatal teñen expresamente recollida o acoso como unha cuestión sobre a cal actuar.

    Pola súa banda, Ángel Ruibal apelou a prestar atención aos principais indicadores que poden facer sospeitar que unha muller está a ser vítima de acoso sexual ou por razón de sexo ou incluso de violencia machista.

    O ex inspector subliñou a importancia de denunciar en canto se teña coñecemento dunha situación así, pero sobre todo de informar a vítima sobre as ferramentas e axudas que ten á súa disposición incluso nos casos en que non formalice a dita denuncia e que as delegadas e delegados sindicais deben coñecer.

    Entre outras, referiuse aos Centros de Información á Muller (CIM), os teléfonos 016 ou 900 400 273 ou a posibilidade de recibir asesoramento psicolóxico e mesmo xurídico. «Non precisan presentar denuncia para ter acceso a estes recursos», subliñou este especialista.

    Pechou esta xornada a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, congratulándose pola grande afluencia a este acto, sinal de que «é unha cuestión que preocupa á nosa organización».

    A dirixente sindical apelou a que unha das liñas de traballo da acción sindical ten que ser a sensibilización e concienciación sobre calquera forma que adopte a violencia machista. «Somos unha organización feminista, pero temos marxe de mellora», explicou. Asemade, foi tallante ao afirmar que «non se pode minimizar o acoso» e que «non hai equidistancia nin tolerancia posible» ante unha situación de violencia machista.