Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

CCOO, CIG, COTS e SLG piden a comparecencia de Fabiola García nun pleno urxente do Consello Galego de Benestar Social

    As organizacións CCOO, CIG, Colexio Oficial de Traballo Social e SLG-CCLL rexistraron este martes un escrito solicitando a comparecencia da conselleira de Política Social, Fabiola García, nun pleno urxente do Consello Galego de Benestar Social. Entenden que a as modificacións recollidas na Lei de acompañamento do proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2025, así como as emendas á mesma, teñen implicacións sobre o procedemento de recoñecemento das situacións de dependencia e discapacidade, así como nas funcións deste Consello.

    26/11/2024.
    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    As catro organizacións levan anos denunciando as malas prácticas da Xunta de Galicia canto ao funcionamento do Consello Galego de Benestar Social. Agora poñen o foco na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao proxecto de orzamentos autonómicos.

    Denuncian que, unha vez máis, o Goberno galego utiliza unha ‘lei ómnibus’ para cambiar pola porta de atrás leis e normas moi importantes para a vida dos galegos e as galegas. Neste caso, a Lei 13/2008 do 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia e o Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia.

    A modificación normativa busca unificar os procedementos de recoñecemento da situación de dependencia e do recoñecemento do grao de discapacidade, posibilitando tramitar e resolver ambos de xeito conxunto, recortando inversión en persoal, eliminando persoal especializado de traballo social e sobrecargando, unha vez máis, os servizos sociais comunitarios.

    Baleirado de funcións do Consello

    Por outra banda, as catro organizacións denuncian o progresivo baleirado de funcións do Consello Galego de Benestar social, que en vez de poder actuar como órgano colexiado superior consultivo e de participación do sistema galego de servizos sociais, acaba sendo simple receptor da información que recibe da Consellaría de Política Social.

    Coa Lei de Acompañamento a Xunta agrava a situación, consolidando a participación restrinxida que se practica e limita a súa capacidade de opinión a aquelas cuestións relativas aos servizos sociais que a Consellaría considere. En resumo, a Lei de Acompañamento vai supoñer un novo retroceso na atención ás persoas dependentes en Galicia e vai a restrinxir a participación da sociedade civil no eido dos servizos sociais.