Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Decembro 2024.

A inacción das Administracións provocará a perda de 70 prazas residenciais e 30 postos de traballo en Cambados, denuncia CCOO

    Comisións Obreiras (CCOO) lamenta que se cumpriron «os peores agoiros» e, antes de que acabe o ano, pechará o asilo de Cambados, polo que se perderán 70 prazas residenciais e 30 postos de traballo. O sindicato achaca este final á «inacción» das distintas Administracións. «Concello, Deputación e Xunta foron incapaces de sentarse para atopar solución a este gravísimo problema social», sinala CCOO. «Especialmente preocupante» é a «absoluta inhibición» da Consellaría de Política Social, departamento con competencias directas nesta materia, subliña a organización.

    27/11/2024.
    Fachada do asilo de Cambados

    Fachada do asilo de Cambados

    Deste xeito, o persoal da residencia rematará o 2024 no desemprego, mentres que as cincuenta persoas usuarias serán repartidas pola xeografía galega en diferentes centros da congregación relixiosa que xestionaba as instalacións.

    Comisións Obreiras procurou activamente unha saída á situación. Para iso, solicitou reunións coas diferentes Administracións. Unicamente o Concello de Cambados accedeu a unha xuntanza, mentres que a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia «deron a resposta do mudo», censura o sindicato.

    Comisións afirma descoñecer que «escuros intereses» se agochan tanto detrás da congregación que xestiona o centro —á que se lle supón un fin social— como das diferentes Administracións implicadas, que «non queren dar unha saída digna ás persoas afectadas por este peche».

    Arousa precisa unha residencia pública

    «Consideramos que é absolutamente inaceptable que unha comarca onde residen máis de cen mil persoas e hai número importante de persoas dependentes con baixo nivel de ingresos non teña unha residencia pública», critica CCOO, subliñando a dimensión social deste problema.

    Neste sentido, CCOO acolle positivamente a proposta do Concello de pór a disposición un terreo para a construción dunha residencia pública e fai un chamamento ás tres Administracións para que se poñan de acordo «en facela realidade canto antes», de xeito que se recuperen as prazas residenciais e os postos de traballo que existen na actualidade na Residencia Nuestra Señora de la Valvanera de Cambados.