Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Xaneiro 2025.

CCOO habilita unha web para asesorar as persoas traballadoras de Glovo

    A empresa Glovo anunciou un «cambio de modelo de negocio» que supón, de feito, recoñecer que había fraude na relación contractual cos seus repartidores e repartidoras. Agora ábrese un proceso de laboralización no que CCOO se pon a disposición dos repartidores e repartidoras desta compañía.

    10/12/2024.
    CCOO abre unha web para asesorar as persoas traballadoras de Glovo

    CCOO abre unha web para asesorar as persoas traballadoras de Glovo

    O anuncio da empresa significa que debe cumprir coa lei rider e, deste xeito, actuar consonte as sentenzas xudiciais e as actas de infracción da Inspección de Traballo e Seguridade Social que se foron ditando nestes anos a requirimento das organizacións sindicais, con CCOO á fronte.

    No momento en que se produza a laboralización, as persoas traballadoras deberán ser notificadas da súa alta na Seguridade Social, así como recibir o seu contrato de traballo no que consten as súas condicións laborais e salariais, de acordo cos convenios colectivos que resulten de aplicación.

    Así mesmo, deberán coñecer cal é o seu centro de traballo, o que posibilitará que se organicen, constitúan seccións sindicais e celebren procesos electorais que permitan loitar por unha mellora nas súas condicións de traballo fronte á empresa.

    CCOO acompañará as persoas traballadoras de Glovo en todo este proceso e, para iso, pon á súa disposición unha páxina web (https://regularizacionglovo.ccoo.es). Nela ofrécese asesoramento xurídico —se for necesario— e tamén se aclaran as dúbidas que poidan xurdir sobre a súa situación actual, a documentación e as comunicacións que reciban por parte da empresa.