Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Xaneiro 2025.

CCOO-Servizos insta os supermercados a reforzaren os cadros de persoal consonte o aumento de carga de traballo

    A Federación de Servizos de CCOO insta os supermercados a reforzaren os cadros de persoal consonte o aumento de carga de traballo que se produce no Nadal. Ao tempo, o sindicato repróchalles ás empresas que a suba na facturación non se traduce en melloras económicas para as traballadoras e traballadores, que ademais de padeceren o custo da inflación no seu día a día, chegan a fin de mes cun salario inferior á media.

    11/12/2024.
    Comercio de froitas e verduras | Foto: Pixabay

    Comercio de froitas e verduras | Foto: Pixabay

    A chegada do Nadal é unha época en que aumentan as vendas das empresas da distribución alimentaria, «pero tamén enfronta os persoais a un período de máxima actividade», subliña CCOO-Servizos. Maiores ritmos de traballo, maior carga laboral, alongamento de quendas ou traballo de luns a domingo son algunhas das situacións que se producen.

    Malia isto, as empresas teñen como prioridade obteren os maiores beneficios «á custa das condicións laborais das traballadoras e traballadores do sector»: durante o último trimestre do 2023, en toda España destruíronse 18.000 postos de traballo no comercio de alimentación.

    Gañan 7000 euros menos ao ano

    Estas dinámicas empresariais «teñen graves consecuencias nunhas condicións laborais, xa de seu precarias», advirte CCOO-Servizos. Neste sector, as traballadoras e traballadores teñen un salario un 26 % inferior ao salario medio en España, o que se traduce nuns 7000 euros menos ao ano.

    Un salario inferior nun contexto de inflación, con grandes subas nos prezos dos alimentos desde o 2021. Ademais, no caso concreto do Nadal, as familias incrementan de media entre un 25 % e un 30 % o seu gasto en alimentación respecto ao resto do ano, apunta CCOO.

    A estas condicións laborais súmanse outras «malas prácticas», entre as que Comisións destaca a distribución irregular da xornada, a realización de horas complementarias e/ou extraordinarias ou a limitación dos períodos de descanso e vacacionais, «provocando unha importante sobrecarga de traballo, e grandes dificultades para conciliar a vida laboral coa persoal».

    Xornada parcial que prexudica as mulleres

    A todo isto engádese a xornada parcial, con «escasa» prevalencia do emprego indefinido fixo-descontinuo, que continúa «sendo residual» e apenas alcanza unha taxa do 2 %. Segundo CCOO-Servizos, catro de cada dez traballadores e traballadoras dos supermercados, a maioría mulleres, fan unha xornada parcial porque non lles é ofrecida unha a tempo completo.

    Por isto, CCOO-Servizos reivindica unhas «condicións mínimas de retribución» que contribúan a reducir a desigualdade salarial do sector, así como unha política de contratación baseada na estabilidade que reduza «substancialmente» os niveis de parcialidade. Asemade, esixe o aumento de fins de semanas libres anuais, limitando o máximo de horas presenciais e o número de días seguidos sen descanso; a redución das xornadas partidas, establecendo as quendas de mañá e tarde nun calendario anual; e a posta en marcha de mecanismos para limitar a sobrecarga de traballo.