Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Xaneiro 2025.

O PP vai aprobar esta semana uns orzamentos da Xunta «insuficientes» para a creación de emprego en Galicia

    Comisións Obreiras (CCOO) realizou un estudo detallado dos orzamentos autonómicos para o 2025 que o Partido Popular vai aprobar esta semana facendo uso da súa maioría absoluta. Neste documento, o sindicato extrae como principal conclusión que se trata dunhas contas «insuficientes» para dar resposta «ao principal problema dos galegos e galegas, que é ter un emprego que lles permita unha vida digna», explica a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza.

    16/12/2024.
    Portada do Caderno n.º 51

    Portada do Caderno n.º 51

    Desde a Xunta afirman que os orzamentos para 2025 son «os máis altos da historia» e que os grandes obxectivos son «reforzar e modernizar os servizos públicos, o gasto social, a sanidade, a educación e as políticas sociais e o emprego» para consolidar o crecemento económico. Porén, estas afirmacións «entran en contradición coas súas propias previsións, que reflicten que no 2025 se rebaixa o crecemento económico e diminúe a creación de emprego», puntualiza a sindicalista.

    Galicia perderá 751 millóns polas rebaixas fiscais

    O alto volume de ingresos que prevén os orzamentos vén dado «en gran medida» polos ingresos procedentes do sistema de financiamento, mentres que nos ingresos da súa competencia, «a Xunta segue apostando polas rebaixas fiscais» —reprocha Bouza—, entre elas, as que afectan ao IRPF ou ao imposto sobre sucesións e doazóns. Para o ano 2025, Galicia perderá 751 millóns de euros por mor destes beneficios fiscais.

    CCOO non comparte estas políticas fiscais «regresivas» nun momento como o actual, no que se require recadar máis —seguindo o principio de equidade e redistribución fiscal— para dispoñer de máis recursos e destinalos a reforzar o gasto social e o investimento.

    O gasto social pode ser «histórico», pero non dabondo: no 2025, o PIB nominal medra un 4,4 % en relación co previsto para 2024, pero unha boa parte das políticas de gasto social máis relevantes farano por baixo desa porcentaxe. É o caso da educación (+3,7 %) ou do emprego, que se reduce drasticamente (-0,9 %).

    Rede clientelar

    Por outra banda, os 434 millóns de euros destinados a políticas de emprego son, como se indicou, «absolutamente insuficientes». En opinión da secretaria de Emprego de CCOO, o que plasman os orzamentos para 2025 en materia de emprego é a renuncia da Xunta a exercer as súas competencias nesta materia e a renuncia ao seu papel como servizo público a favor dunha «rede clientelar de “polos de emprendemento” que desatende a busca de emprego por conta allea e só serve para subvencionar unha rede de falsas entidades de iniciativa social que agochan empresas con claros intereses económicos».

    Non mellora a atención a dependentes

    Aumentan os recursos en política social «de maneira significativa» con 121 millóns máis, pero non mellora a atención ás persoas: nin ás dependentes, nin ás perceptoras da Risga, nin ás de pensións non contributivas, nin ás que se atopan en situación de exclusión social. «O incremento dos recursos para atención á dependencia non se vai traducir nin nun aumento do número de persoas atendidas, nin na mellora da atención, nin na prestación de servizos profesionais de calidade por persoas que teñan unhas condicións laborais dignas», lamenta a sindicalista.

    Non hai política industrial

    CCOO non ve nestes orzamentos «nin rastro de política industrial nin de políticas de apoio aos restantes sectores produtivos». De feito, os recursos de apoio ao conxunto dos sectores «medran por debaixo da media». Tampouco conteñen estas contas un incremento dos investimentos públicos que poida actuar como motor da actividade económica e da creación de emprego, «pois só crecen un 4,7 %».

    Audios asociados

    Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO, valora os orzamentos da Xunta do 2025