Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Xaneiro 2025.

CCOO reitera a necesidade de que o diálogo social en Galicia conte cunha mesa de política social

    Este xoves tivo lugar unha nova xuntanza do diálogo social en que participaron o conselleiro de Emprego, José González, a secretaria xeral do S. N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez. Nesta reunión, CCOO reiterou a demanda realizada o pasado xuño de crear unha mesa específica para tratar as políticas sociais. «É unha materia moi importante e ten que estar representada», expresou Amelia Pérez ao remate da reunión.

    19/12/2024.
    Un momento da reunión do diálogo social deste xoves

    Un momento da reunión do diálogo social deste xoves

    Do mesmo xeito, CCOO avogou por «profundizar e transversalizar» o diálogo social en Galicia, unha cuestión «que compartimos ambas as dúas partes». Para isto, Amelia Pérez coida que deben participar outras Consellarías que directamente traballen coas cuestións que se queiran abordar.

    Neste encontro, o conselleiro presentou as liñas estratéxicas para o vindeiro ano, no marco orzamentario que se aprobou esta mesma semana no Parlamento de Galicia. Neste sentido, a secretaria xeral de CCOO e o seu homólogo da UGT expúxéronlle á Xunta que «o normal» tería sido facer esa presentación antes da aprobación dos orzamentos, non despois. «O conselleiro recolleu a luva e así o fará a partir de agora», segundo Amelia Pérez.

    Finalmente, as partes quedaron emprazadas a unha próxima xuntanza despois do Nadal para profundizar no regulamento de institucionalización do diálogo social. «Seguiremos traballando para procurar que dea os froitos que as organizacións sindicais pretendemos», concluíu a secretaria xeral de CCOO.