Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

Desconvocada a folga no téxtil grazas a un acordo que mellora salarios e dereitos

    A folga convocada por CCOO no sector téxtil e da confección para o 28 de xaneiro foi desconvocada tras chegarse a un preacordo «con avances significativos nas condicións laborais» para as 80 000 persoas empregadas no sector en todo o Estado, subliña o sindicato.

    21/01/2025.
    Desconvocada a folga no sector téxtil | Imaxe de fondo: Pixabay

    Desconvocada a folga no sector téxtil | Imaxe de fondo: Pixabay

    O acordo recolle un aumento salarial do 9,9 % en tres anos, unha cláusula de revisión ligada ao IPC e medidas para reducir a fenda de xénero e mellorar os soldos máis baixos.

    Tamén inclúe medidas para combater a fenda salarial no sector máis precario da industria manufactureira, que ademais está moi feminizado. Unha delas é o «salario mínimo garantido», que superará o SMI nun 2 %. Tamén se prevén subas adicionais nos grupos salariais máis baixos (4,5 % para o grupo B e 5 % para o grupo C).

    Aínda no plano económico, introducirase o «salario referente do grupo profesional», cun incremento do 5,3 % en tres anos, reducindo as categorías laborais a sete grupos profesionais máis equitativos.

    Outras melloras incluídas no convenio

    O novo convenio reducirá a xornada máxima anual en 20 horas ata o ano 2026, aumentará a póliza de accidentes a 15 000 euros e incluirá todos os conceptos ordinarios no cálculo das vacacións. Así mesmo, garantirase a vixencia do convenio de xeito indefinido unha vez caduque e namentres non se asine un novo.

    As partes comprométense a crear un sistema de clasificación profesional neste 2025 e unha comisión para actualizar temas como contratación, permisos, acoso e medidas para o colectivo LGTBI.