Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

CCOO reclama fórmulas que corrixan a desigualdade provocada na devolución do IRPF a antigos mutualistas

    CCOO rexistrou varias preguntas no Portal de Transparencia para obter máis información sobre a decisión da Axencia Tributaria (AEAT) de deixar sen efecto a devolución dos impostos pagados de máis polos mutualistas anteriores a 1978, por unha dobre imposición. O sindicato considera que o cambio de criterio de Facenda provoca agravios comparativos entre o colectivo.

    22/01/2025.
    CCOO reclama fórmulas para corrixir esta desigualdade | Foto: Pixabay

    CCOO reclama fórmulas para corrixir esta desigualdade | Foto: Pixabay

    Tras diversas sentenzas na súa contra, a AEAT recoñeceu a comezos de 2024 o dereito das persoas pensionistas a reduciren unha porcentaxe da súa base impoñible do IRPF, en función das cotizacións realizadas ás antigas mutualidades entre 1967 e 1978 (un 25 % da parte correspondente da pensión) e as anteriores a 1967 (100%).

    Para facilitar a devolución, habilitou no mes de marzo dese ano un formulario electrónico no que pedir a rectificación das declaracións do IRPF dos exercicios 2019-2022.

    Porén, unha disposición incluída na reforma fiscal aprobada polas Cortes Xerais deixa sen efecto as solicitudes de devolución que non estivesen resoltas antes do 22 de decembro do 2024, ao tempo que desactivaba o xa mencionado formulario.

    Como consecuencia, elimínase a posibilidade de reclamar e recibir as devolucións dos catro exercicios nun único pagamento e establécese un novo procedemento para que as persoas afectadas poidan presentar de novo a súa reclamación, ano a ano, entre 2025 e 2028, limitando cada reclamación a un exercicio entre 2019 e 2022. En 2025 poderase solicitar a devolución correspondente ao IRPF do exercicio 2019; en 2026, a de 2020; en 2027, a de 2021; e en 2028, a do ano 2022.

    CCOO rexeita estes cambios, pois dificultarán os procesos de reclamación. Tamén producen inseguridade xurídica ao aplicar con carácter retroactivo unha norma fiscal desfavorable, amais de xerar agravios comparativos entre as persoas pensionistas afectadas.

    Por iso, o sindicato insta o Ministerio de Facenda a que procure fórmulas para corrixir esta situación no menor prazo posible e evitar unha diferenza de trato entre persoas que comparten a mesma problemática.