Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

2025: 12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral

    O Gabinete de Igualdade de CCOO estrea na web a campaña «2025: 12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral».

    24/01/2025.
    O Gabinete de Igualdade de CCOO enceta esta campaña de sensibilización terminolóxica

    O Gabinete de Igualdade de CCOO enceta esta campaña de sensibilización terminolóxica

    Trátase dunha campaña de sensibilización para favorecer a incorporación dos conceptos e a terminoloxía sobre a igualdade á comunicación cotiá deste sindicato e das persoas que se achegan á súa web, pois a familiarización cos termos imbuiranos do significado destes conceptos que definen a loita por unha democracia plena.

    Campaña de sensibilización terminolóxica

    Esta sección pretende ser informativa. A través de varias palabras claves na loita pola igualdade real, describirase o devir feminista deste sindicato e o seu compromiso coa loita para erradicar a fenda salarial e a violencia de xénero.

    Durante os vindeiros meses, iremos ofrecendo, por bloques, os conceptos da loita sindical feminista, comezando coa terminoloxía máis xeral e continuando polos máis específicos, orientados ao eido laboral.

    Motivar a reflexión

    Aínda que nos últimos anos, os datos sociolaborais indican que a situación das mulleres evoluciona favorablemente, existe unha serie de elementos relacionados coas estruturas sociais e o mantemento do statu quo que frean con forza esta evolución e lle impiden chegar a unha situación de completa equidade. Nin as políticas públicas nin a loita feminista das mulleres pola igualdade reflicten todo o imaxinario colectivo da nosa sociedade, pois os nesgos inconscientes, os estereotipos e os roles de xénero máis arraigados no devir cotián inflúen fortemente nas relacións humanas, promovendo a persistencia dun sistema sociocultural asentado no patriarcado e no poder e suposta superioridade dos homes sobre as mulleres (o androcentrismo que promove a persistencia do machismo).

    Con esta campaña do Gabinete de Igualdade, preténdese dar a coñecer e reflexionar sobre a terminoloxía acuñada pola investigación social e feminista, o que facilitará a comprensión dos sistemas vixentes de desigualdades e discriminacións de xénero e a promover as actuacións necesarias para a súa erradicación.

    Canto tempo?

    Entre xaneiro e decembro do 2025 subiremos mensualmente termos básicos, acompañados da súa descrición, que axuden a comprender o feminismo como ferramenta imprescindible na loita pola igualdade no traballo.