Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

CCOO denuncia que a CIG e UGT queren «regalar» cinco millóns á patronal asinando o novo convenio de limpeza da Coruña

    A Federación do Hábitat de CCOO organizou o mércores, na Coruña, a primeira das asembleas informativas sobre o novo convenio provincial. Delegadas e delegados de distintas empresas do sector analizaron as últimas propostas e a postura dos sindicatos CIG e UGT, cos que foron moi críticos. Segundo lamentaron, estas organizacións están dispostas a renunciar ao incremento salarial para o ano 2024, malia que nese exercicio o IPC chegou ao 3,1 %.

    30/01/2025.
    Asemblea informativa na Coruña sobre o convenio provincial da limpeza (29/1/2025)

    Asemblea informativa na Coruña sobre o convenio provincial da limpeza (29/1/2025)

    Desde CCOO-Hábitat lembran que o convenio da limpeza na Coruña regula as condicións dunhas dez mil persoas traballadoras. Se a proposta de UGT e CIG segue adiante, significaría unha perda económica duns 500 euros por persoa e ano, en total cinco millóns de euros que se lle estarían a «regalar» á patronal á custa da clase traballadora.

    CCOO rexeita esta proposta pois, ademais de vela inxusta, reflicte «un desprezo polo traballo esencial que realizan os e as profesionais da limpeza». Así mesmo, veno como unha «aberración» porque non ten en conta o impacto da inflación nos salarios e no poder adquisitivo.

    CCOO-Hábitat seguirá a desenvolver asembleas informativas e lembra que a seguinte reunión para negociar o convenio terá lugar o vindeiro 10 de febreiro, na sede da Confederación de Empresarios da Coruña.