Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

CCOO e UGT chaman a cidadanía galega a mobilizarse este domingo, porque cos dereitos da xente non se xoga

    O Sindicato Nacional de CCOO e UGT-Galicia chaman a cidadanía galega a mobilizarse o vindeiro domingo, día 2, e acudir ás concentracións convocadas por ambos os sindicatos na Coruña, Ourense e Vigo, porque cos dereitos da xente non se xoga e porque non se pode dar nin un paso atrás nin se pode aceptar que se frivolice co benestar da clase traballadora. Asemade, haberá unha convocatoria só de CCOO en Pontevedra.

    31/01/2025.
    O 2 de febreiro, á rúa para defender os dereitos da xente

    O 2 de febreiro, á rúa para defender os dereitos da xente

    Estas mobilizacións, que están convocadas en todo o Estado, teñen como obxectivo berrar en contra da antipolítica, xa que ambos os sindicatos consideran que as persoas e os seus dereitos non poden ser reféns da loita partidista e dos intereses inmediatos dalgúns partidos políticos. As estratexias políticas non poden estar por diante da cidadanía. Desde o Congreso dos Deputados non se pode seguir frivolizando co benestar da clase traballadora. Os dereitos das persoas non poden ser moeda de cambio nin obxecto de secuestro por parte dos grupos parlamentarios.

    UGT e CCOO manifestan que queren a revalorización das pensións; pero isto non é suficiente: hai que garantilas e facelas sostibles co aumento de cotizacións. Hai que lembrar que custou moito chegar ao actual nivel de prestacións e acordar a súa sostibilidade coa patronal.

    Os dous sindicatos critican que o PP manifeste que apoia a suba das pensións pero que non diga nada de acompañar esta co incremento da súa recadación. Haberá intereses que buscan a quebra do sistema para poder privatizalo? Os partidos teñen que asumir o modelo actual na súa integridade, pactado pola maioría social do país.

    CCOO e UGT insisten en que o Parlamento debe estar ao servizo da xente e lembran que a non validación do Real decreto lei 9/2024 puxo en risco medidas sociais fundamentais que afectan a milleiros de persoas: máis de 10 millóns de pensionistas, dous millóns de beneficiarios do imv, o incremento das pensións mínimas entre un 6 % e un 9 % estaba tamén en perigo; as axudas ás vítimas da dina e o volcán de La Palma quedaban bloqueadas; a moratoria de desafiuzamentos para as familias vulnerables víase paralizada; poñíase en cuestión o apoio ao transporte público para máis de 20 millóns de persoas. Non se pode permitir que todos estes dereitos sexan moeda de cambio nunha disputa estéril, co falso argumento de se as medidas deben presentarse xuntas ou separadas.

    Ao cabo, o Goberno aprobou este martes un novo Real decreto lei 1/2025 co paquete de medidas sociais que foran bloqueadas. Neste momento, a responsabilidade está nos grupos parlamentarios, que agora parece que si as apoiarán; pero isto conseguiuse porque a cidadanía, os sindicatos e colectivos sociais alzamos a voz, e por iso seguiremos na rúa, porque os intereses da xente, especialmente das persoas máis vulnerables, non poden ser reféns de intereses partidistas.

    Pero hai máis cuestións que van estar en xogo nos vindeiros meses: a tramitación no Congreso da redución da xornada a 37,5 horas ou a ausencia de orzamentos para o 2025 cunha prórroga parlamentaria dende 2023, o que está a afectar a un gran número de políticas públicas.

    Por todo isto, UGT e CCOO fan un chamamento á mobilización para esixir responsabilidade e compromiso, que se aprobe o novo real decreto lei sen dilacións; que se ocupen das necesidades da xente e que non volvan utilizar os seus dereitos como moeda de cambio, que nunca máis se poña en risco a protección social, que non se bloquee o funcionamento das institucións de xeito oportunista evitando poñer en marcha medidas que precisan da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado. En relación con este último aspecto, hai que destacar medidas como implementar en toda a súa extensión os fondos europeos dentro do Plan de Recuperación, incrementar o financiamento e calidade do emprego e dos servizos de atención á dependencia ou desenvolver unha estratexia de coidados que mellore a súa calidade para a poboación dependente.

    Mobilizacións en Galicia o 2 de febreiro

    — A Coruña. Ás 11:00 en Méndez Núñez (Cantóns).

    — Vigo. Ás 12:00 h na Porta do Sol.

    — Ourense. Ás 12:00 h na Subdelegación do Goberno.

    — Pontevedra. Ás 12:00 h na praza da Peregrina.