Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

O comité da Cruz Vermella en Lugo esixe a aplicación das condicións salariais recollidas no convenio colectivo do sector

    O comité de empresa da Cruz Vermella en Lugo, integrado por CCOO e UGT, esixe a «inmediata aplicación» a todo o seu persoal das condicións salariais mínimas recollidas no convenio sectorial de acción e intervención social. A entidade conta cun convenio provincial de seu; porén, desde a reforma do RDL 32/2021, estableceuse que «se elimina a prioridade aplicativa do convenio de empresa respecto ao convenio sectorial estatal, autonómico ou de ámbito inferior no relativo á contía do salario base e dos complementos salariais, incluídos os vinculados á situación e resultados da empresa».

    31/01/2025.
    Edificio da Cruz Vermella en Lugo | Foto: Google S. V.

    Edificio da Cruz Vermella en Lugo | Foto: Google S. V.

    Ademais, o RDL 32/2021 mantén a prioridade de aplicación do convenio de empresa noutros aspectos, como as horas extraordinarias, o horario e a súa distribución, o traballo por quendas, a planificación das vacacións, a adaptación na empresa do sistema de clasificación e das modalidades de contratación, as medidas de conciliación e outras cuestións reguladas polos acordos ou convenios colectivos do artigo 83.2.

    Para o comité de empresa, «non cabe dúbida» de que a Cruz Vermella en Lugo está «suxeita ao convenio sectorial de intervención social», dado que a entidade está integrada na patronal Asociación Estatal de Organizacións de Acción e Intervención Social (OEIS), participou directamente na negociación do convenio e conta cun membro na comisión paritaria.

    Por este motivo, CCOO interpuxo un conflito colectivo nos xulgados de Lugo, ao cal se adheriu UGT, para reclamar que a todo o persoal da Cruz Vermella se lle aboen as contías previstas no artigo 51 e no Anexo II do convenio sectorial estatal de acción e intervención social.

    O pasado 18 de decembro tivo lugar no SMAC o preceptivo acto previo de conciliación, ao que asistiu a representación da Cruz Vermella para manifestar a súa oposición ás demandas presentadas. Ao rematar sen avinza este acto, o proceso seguirá o seu curso, á espera dunha data para o xuízo.

    Actualmente, ademais de negarse a actualizar os salarios e forzar a xudicialización desta situación, Cruz Vermella Lugo mantén paralizada a negociación doutros artigos do convenio, o que prexudica directamente unhas 150 persoas traballadoras en toda a provincia.