Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

CCOO condena as agresións a traballadores no Hospital da Coruña e pide aplicar medidas de prevención

    A Secretaría de Saúde Laboral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia rexeita as agresións padecidas o luns por traballadores do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), onde un enfermeiro foi apuñalado e un vixilante de seguridade sufriu cortes na mesma acción. Desde o sindicato solidarízanse cos profesionais afectados e agardan a súa «total recuperación canto antes».

    04/02/2025.
    Complexo Hospitalario Universitario da Coruña | Foto: Google S. V.

    Complexo Hospitalario Universitario da Coruña | Foto: Google S. V.

    CCOO leva anos alertando da crecente exposición a riscos que padecen as persoas traballadoras do sector sanitario e do ámbito da seguridade privada nos hospitais, sen que se adopten medidas eficaces para garantir a súa integridade.

    O sindicato esixe que se reforcen as medidas de seguridade nos hospitais galegos, especialmente nas áreas de urxencias, pois é onde se concentran a maior parte das agresións. Tamén a dotación de máis persoal de seguridade con formación específica en xestión de conflitos no ámbito sanitario.

    Canto á prevención, Comisións pide protocolos «efectivos» para actuar fronte a episodios violentos, sen esquecer a dotación de material de protección adecuado como chalecos anticorte para o persoal de seguridade.

    CCOO avoga por centros de traballo seguros, «unha realidade á que non poden ser alleos os hospitais e demais centros sanitarios, onde cada día acoden milleiros de persoas en toda Galicia». Neste sentido, o sindicato pide que as persoas «que cada día coidan da nosa saúde» poidan contar coas «garantías para a axeitada protección da súa integridade física e a súa propia saúde», conclúe o sindicato.