Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Marzo 2025.

As CCOO do Noroeste reclaman unha transición xusta, melloras en infraestruturas e solucións ao reto demográfico

    As organizacións sindicais de CCOO en Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León estableceron un marco de colaboración para abordar conxuntamente os problemas estruturais da rexión e propoñer solucións coordinadas. A declaración conxunta, asinada en León o 31 de xaneiro de 2025, sinala tres ámbitos clave de actuación: a transición enerxética, as infraestruturas e o reto demográfico.

    05/02/2025.
    Encontro das CCOO do Noroeste (León, 31 de xaneiro do 2025)

    Encontro das CCOO do Noroeste (León, 31 de xaneiro do 2025)

    Transición enerxética xusta

    A transición cara a unha economía máis sostible está a provocar peches de empresas e perda de emprego en sectores como a minería e as centrais térmicas, sen ofrecer alternativas reais aos traballadores e territorios afectados. O sindicato reclama unha transición que garanta o emprego e a cohesión social, apostando por un modelo de xestión pública que evite os erros do pasado.

    Infraestruturas

    O sindicato reivindica unha mellora substancial nas infraestruturas ferroviarias, tanto para o transporte de viaxeiros como de mercadorías, esixindo un plan estratéxico que integre a alta velocidade, a rede de proximidade e o Corredor Atlántico. Tamén subliña a importancia das infraestruturas dixitais para garantir o acceso universal a telecomunicacións de calidade.

    Reto demográfico e servizos públicos

    O despoboamento e o envellecemento son desafíos cruciais para o Noroeste peninsular. Para combatelos, CCOO propón políticas integrais que fomenten o emprego estable, a vivenda accesible e a conciliación. Reclámase o reforzamento dos servizos públicos, en especial na educación, a sanidade e os coidados, así como un mellor financiamento autonómico para garantir a igualdade de oportunidades.

    Principais esixencias

    Como principais esixencias ante estes retos, as organizacións de CCOO reclaman un Plan Económico e Social do Noroeste; pactos pola industria de alcance autonómico e un gran pacto de Estado este mesmo ano; a esixencia ás empresas enerxéticas para que cumpran integramente os compromisos adquiridos cos territorios onde se instalaron; o cumprimento dos convenios de transición xusta; ou a elaboración dun plan estratéxico, con calendario e investimentos, que integre a alta velocidade, a rede de proximidade e mercadorías e o Corredor Atlántico nas respectivas comunidades autónomas.

    Corredor Atlántico

    Canto ao Corredor Atlántico, as CCOO de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León consideran que se trata dunha oportunidade clave para o desenvolvemento económico e social do Noroeste.

    A nova regulación da UE inclúe a ampliación da rede básica de transportes e establece prazos de execución para 2040 e 2050. O sindicato destaca a importancia de mellorar a conectividade ferroviaria, tanto para mercadorías como para pasaxe, promovendo un modelo sostible que reduza emisións, mellore a seguridade enerxética e fomente a cohesión territorial. Ademais, subliñan a necesidade de eliminar os colos de botella, dixitalizar a xestión do transporte e asegurar unha maior interoperabilidade entre as distintas infraestruturas.