Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

CCOO, SLG e COTS rexeitan a modificación da Lei de servizos sociais e esixen unha mellor atención á dependencia

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia (CCOO), o Sindicato Labrego Galego (SLG) e o Colexio Oficial de Traballo Social (COTS) convocaron este luns, 10 de febreiro, unha concentración diante da sede central da Xunta de Galicia. Coa protesta, amosaron o seu rexeitamento á modificación unilateral da Lei de servizos sociais e esixiron unha mellor atención ás persoas con dependencia.

    10/02/2025.
    CCOO, COTS e SLG reivindican melloras no sistema de atención á dependencia

    CCOO, COTS e SLG reivindican melloras no sistema de atención á dependencia

    Esta modificación, introducida a través da Lei de acompañamento dos orzamentos autonómicos, supón un «grave retroceso» nos dereitos da cidadanía, ao converter os servizos sociais «nun simple trámite administrativo e favorecer a privatización do sistema», denunciaron fronte ao complexo administrativo de San Caetano.

    Entre os cambios máis polémicos destaca a unificación das solicitudes de dependencia e discapacidade, eliminando a valoración profesional, o que «dificultará o acceso equitativo aos servizos», advirten. Ademais, o Consello Galego de Benestar Social «quedará sen competencias», o que reducirá a capacidade de participación da sociedade civil na toma de decisións.

    A secretaria xeral do S. N. de CCOO, Amelia Pérez, explicou —en declaracións aos medios de comunicación— que a Xunta reaccionou a esta protesta con «propaganda» sobre a súa xestión e culpando o Executivo central dos problemas de financiamento. Porén, «o certo é que se asinou un plan de choque co Goberno do Estado para reforzar o sistema, pero a Xunta recortou os fondos en vez de aumentalos».

    A sindicalista tamén lle afeou ao Goberno galego que culpe o persoal público dos atrasos que arrastra o sistema, porque «hai falta de traballadoras e traballadores, é preciso crear emprego estrutural en vez de reforzos temporais», advertiu. Na súa opinión, «o obxectivo real da Xunta parece ser aforrar cartos, privatizar o sistema e beneficiar empresas afíns».

    Outro punto de preocupación para as organizacións convocadoras é a promoción de políticas de bonos no canto da ampliación de prazas públicas en residencias e centros de día. Esta medida supón «un retorno a un modelo asistencialista que, ademais de perpetuar a precariedade dos coidados, recarga as mulleres coas responsabilidades da dependencia, en lugar de fortalecer un sistema público universal e de calidade», denuncian.

    Por todo isto, esixen a «revogación inmediata» dos cambios aprobados o 27 de decembro en materia de dependencia; o asinamento dun pacto político en defensa do sistema público de servizos sociais; a convocatoria «urxente» do Consello Galego de Benestar Social, coa comparecencia da conselleira de Política Social e Igualdade; o incremento do persoal de valoración de dependencia e discapacidade; e a mellora dos recursos públicos para garantir unha atención digna e equitativa.

    Audios asociados

    Declaracións de Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO