Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Marzo 2025.

«En defensa do servizo público de comunicación». Sobre o Proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital

    O Sector de Medios de Comunicación, Artes, Cultura, Ocio e Deporte do Sindicato Nacional de CCOO Galicia expresa o seu rotundo rexeitamento ao Proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación de Galicia para a sociedade dixital.

    12/02/2025.
    Traballador da CRTVG cunha pancarta reivindicativa | Foto: Arquivo CCOO

    Traballador da CRTVG cunha pancarta reivindicativa | Foto: Arquivo CCOO

    O novo marco normativo que rexerá os medios públicos audiovisuais de Galicia está en tramitación parlamentaria e este sindicato presentou no seu momento as alegacións correspondentes. 

    Este sector ratifícase na defensa do emprego de calidade e dos servizos públicos suficientemente dotados de recursos humanos e técnicos, polo que se pronuncia en contra da eliminación da protección do contido informativo recollida no artigo 35 da Lei 9/2011 en vigor, que prohibe a cesión a terceiros da realización e edición de programas informativos e outros que expresamente determine o mandato marco da Corporación.

    A defensa dos medios públicos de comunicación de Galicia esixe tamén o respecto ás leis que lles son aplicables tanto no momento actual como de xeito inminente nos vindeiros meses; lembra, ademais, que a partir de agosto será de obrigado cumprimento en España a European Media Freedom Act, que no seu artigo 5 recolle obrigas de transparencia e independencia para os medios de comunicación de titularidade pública.

    No que respecta aos principios fundacionais da Radio e Televisión de Galicia, este Sector destaca a obriga de protexer e promover a lingua e a cultura galegas, manifestando que a lingua dos medios públicos de Galicia debe ser exclusivamente o galego.