Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Marzo 2025.

CCOO, COTS e SLG coinciden coa FEGAMP no diagnóstico sobre a situación do sistema de atención á dependencia

    Representantes de Comisións Obreiras (CCOO), do Sindicato Labrego Galego (SLG) e do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTS), entidades integrantes do Consello Galego de Benestar Social, reuníronse este martes con Patricia Vilán Lorenzo, secretaria xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Durante o encontro, amosaron a súa coincidencia no diagnóstico do sistema de atención á dependencia (SAAD).

    18/02/2025.
    CCOO, COTS e SLG reivindican melloras no sistema de atención á dependencia

    CCOO, COTS e SLG reivindican melloras no sistema de atención á dependencia

    A institución que agrupa as entidades locais do país leva tempo denunciando que a falta de financiamento está a sobrecargar os servizos sociais municipais, ao tempo que se incrementan cada ano as partidas para atender servizos como a axuda no fogar.

    Pola súa parte, CCOO, COTS e SLG subliñan que, mentres que o Goberno do Estado aumentou a súa achega para financiar o SAAD, a Xunta de Galicia reduciuna. Neste contexto, son os concellos, as persoas dependentes e as súas familias as que «cargan co pandote» da situación.

    Na mesma reunión, as partes tamén se amosaron contrarias á recente modificación da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia, introducida pola Xunta sen diálogo previo cos axentes sociais nin coa Administración local. En particular, lamentan os «efectos negativos» do novo modelo unificado de solicitude de dependencia e discapacidade, que entrou en vigor o 3 de xaneiro de 2025, que dificulta o acceso das persoas vulnerables ao sistema e sobrecarga os servizos sociais comunitarios.

    Por este motivo, CCOO, COTS e SLG presentáronlle á FEGAMP unha proposta de moción que as tres organizacións farán chegar aos distintos partidos políticos para que se someta a debate nas 313 corporacións locais de Galicia, así como nas catro deputacións.

    Segundo as organizacións impulsoras, os cambios lexislativos implican unha maior burocratización do proceso, reducindo o papel dos profesionais do traballo social a meros tramitadores e afastando as persoas en situación de dependencia do seu contexto comunitario. Ademais, alertan sobre a falta de dotación de persoal e recursos para afrontar o aumento de demanda nos concellos.

    Entre os acordos propostos na moción destacan a revogación dos cambios impostos no procedemento de solicitude de dependencia e discapacidade; o asinamento dun pacto en defensa dos servizos sociais; a creación dunha Estratexia Galega de Servizos Sociais; a convocatoria do Consello Galego de Benestar Social para avaliar a situación do SAAD; a mellora da coordinación entre Administración autonómica e local, e o reforzamento do persoal e recursos dos servizos sociais municipais.

    As entidades promotoras fan un chamamento aos concellos galegos para que adopten esta moción e reclamen unha política social que garanta o dereito á autonomía e á atención digna das persoas en situación de dependencia.