Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Marzo 2025.

CCOO encara a recta final cara ao 13.º Congreso Nacional cos procesos nas federacións de rama e nas unións territoriais

    Comisións Obreiras encara este trimestre a recta final cara ao 13.º Congreso Nacional cos respectivos procesos nas sete federacións de rama e nas nove unións comarcais e intercomarcais. Entre o luns, 24 de febreiro, e o mércores, 26 de marzo, terán lugar os congresos destas estruturas, onde sairán elixidas as delegadas e delegados para o Congreso Nacional, que será en Santiago de Compostela os días 15 e 16 de maio.

    20/02/2025.
    Amelia Pérez Álvarez

    Amelia Pérez Álvarez

    Continúa, deste xeito, un camiño emprendido o pasado mes de xuño, coa aprobación das normas congresuais que regulan este proceso, incluídos os calendarios para as asembleas dos distintos niveis. O nivel I, correspondente ás conferencias congresuais das seccións sindicais constituídas e ás asembleas congresuais agrupadas, foron do pasado 4 de novembro ao 4 de xaneiro. O nivel II, correspondente aos congresos dos sindicatos comarcais ou intercomarcais, realizou os seus procesos entre o 22 de xaneiro e o 15 de febreiro.

    Agora comeza o nivel III, mentres que o IV corresponde ao Congreso Nacional de Galicia e ás federacións estatais de rama. Completaría este amplo calendario o nivel V, o Congreso Confederal de CCOO.

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, que anunciou ao Comité de Dirección Nacional que se presentaría a un segundo mandato, salienta que os procesos congresuais poden parecer «longos e complexos», pero constitúen «a máxima expresión de democracia nunha organización aberta e transparente».

    Ademais, a sindicalista subliña que o Congreso Nacional «parte do primeiro nivel, da sección sindical das empresas ou das asembleas agrupadas, dando voz e voto a cada afiliado e afiliada que desexe participar no debate das propostas e incluso ser candidata para o congreso do nivel superior».

    Ao remate do nivel III que agora comeza, coñeceranse as 142 delegadas e delegados que, xunto ás oito persoas integrantes da actual Comisión Executiva Nacional, «decidiremos conxuntamente o futuro da nosa organización en Galicia», ademais de escoller a delegación para o Congreso Confederal, xa o vindeiro mes de xuño.

    Calendario do nivel III

    O calendario ábreo o Congreso da Federación do Hábitat, que terá lugar o 24 de febreiro en Santiago de Compostela. As restantes federacións terán os seus conclaves nas seguintes datas e localidades: Servizos (25 de febreiro, Lugo), Industria (10-11 de marzo, Ferrol), FSC (11-12 de marzo, Vigo), Sanidade (12-13 de marzo, Lugo), Ensino (14-15 de marzo, Lugo) e Pensionistas (26 de marzo, Santiago de Compostela).

    Canto aos territorios: Ourense (5 de marzo); Ferrol, Pontevedra e Lugo (7); A Mariña (8), Arousa (17), Santiago-Barbanza (18), Vigo (20-21) e A Coruña (21).