Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Marzo 2025.

CCOO culpa a Xunta e o empresariado polo alto nivel do «mal chamado ‘absentismo’»

    A Organización Internacional do Traballo (OIT) define o ‘absentismo laboral’ como «unha situación en que o traballador non se presenta no seu lugar de traballo, ou acode menos horas do estipulado, cando desde a organización se esperaba que acudise ou permanecese todo o tempo no devandito lugar».

    25/02/2025.
    Persoa cun brazo enxesado | Foto: Pixabay

    Persoa cun brazo enxesado | Foto: Pixabay

    Malia esta definición, a Xunta de Galicia e o empresariado galego utilizan o termo para sinalar e criminalizar as persoas traballadoras que, por diversas razóns, non poden acudir ao seu posto. Esta estratexia culpabilizadora «oculta as verdadeiras causas das horas non produtivas, que son responsabilidade directa dos empresarios e da Administración», denuncia CCOO.

    Unha visión errónea do absentismo

    O secretario de Saúde Laboral de CCOO, Armando Iglesias, recrimínalles aos empresarios que adoiten presentarse como «vítimas da situación económica», manifestando en medios de comunicación o seu suposto sufrimento para manter os seus negocios. «Os datos din outra cousa», asegura. Segundo o Observatorio de Marxes Empresariais, a rendibilidade das empresas alcanzou en 2024 niveis máximos, con valores engadidos sobre vendas do 24,5 % e marxes brutas empresariais do 13,1 %.

    As vendas aumentaron máis que os custos, mellorando así as marxes empresariais, mentres que a produtividade do traballo creceu un 50 % desde 2009, fronte a unha suba do 28 % nos salarios. «Estes datos demostran que as empresas son cada vez máis rendibles e que os soldos non están a medrar á mesma velocidade que os beneficios», apunta o sindicalista.

    A responsabilidade da Xunta

    Mentres desde o mundo empresarial se laian, o Goberno galego dirixe os seus esforzos a «perseguir» as persoas en situación de incapacidade temporal, «no canto de poñer solucións ás causas que provocan as perdas de horas produtivas, que é como as hai que denominar», critica Armando Iglesias. A precariedade laboral e o escaso investimento en prevención de riscos incrementan os accidentes laborais, que en 2024 deixaron 56 persoas falecidas e 416 feridos graves, cun aumento do 15 % respecto a 2023.

    «A Administración debería reforzar a Inspección de Traballo e a Inspección médica, garantir o cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais e endurecer as sancións para as empresas infractoras», esixe o secretario de Saúde Laboral de CCOO. Porén, o desmantelamento da sanidade pública «segue dificultando a recuperación das persoas traballadoras», e é que, segundo os datos do Sergas, a espera media para unha consulta médica en Galicia é de 71 días, que alcanza os 142 días en Ourense e chega ata os 326 días para certas especialidades.

    Impacto sobre as incapacidades temporais

    A duración media dunha incapacidade temporal en Galicia foi de 74 días en 2024, a segunda máis alta do Estado. A demora no acceso a diagnóstico e tratamento agrava a situación, provocando que moitos traballadores esgoten o período máximo de baixa sen recibir atención axeitada. En moitos casos, «estas persoas son derivadas a incapacidades permanentes, coa incerteza de recuperar o seu posto de traballo no futuro», lamenta Armando Iglesias.

    «Esta situación evidencia que o problema non reside nas persoas enfermas nin nos profesionais sanitarios, senón na mala xestión da Xunta de Galicia e nas prácticas abusivas dalgúns empresarios», reproba o sindicalista. Por este motivo, CCOO esixe que se deixe de criminalizar as persoas traballadoras e se adopten «medidas urxentes para mellorar a saúde laboral e a calidade dos servizos públicos».