Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Marzo 2025.

O persoal de Inspección de Pesca mobilizouse este mércores en Vigo

    As inspectoras e inspectores de pesca continúan coa folga indefinida convocada polos sindicatos CCOO e ELA para reclamar condicións laborais dignas e unha solución estable a un conflito que se prolonga desde hai máis de quince anos. Tras o éxito da mobilización en Madrid o luns, as protestas trasladáronse este mércores a Vigo, un dos principais epicentros da actividade pesqueira en Europa.

    05/03/2025.
    Protesta en Vigo do persoal de Inspección de Pesca, diante das oficinas da Axencia Europea de Control de Pesca (5/3/2025)

    Protesta en Vigo do persoal de Inspección de Pesca, diante das oficinas da Axencia Europea de Control de Pesca (5/3/2025)

     O persoal da Inspección de Pesca concentrouse este mércores, día 5, en dous puntos clave do sector: a Axencia Europea de Control de Pesca (rúa de García Barbón), ás 11 horas, e ás 12:30 diante do porto pesqueiro (O Berbés).

    CCOO leva anos denunciando as precarias condicións de traballo das inspectoras e inspectores de pesca, esixindo o recoñecemento de horarios especiais, melloras nos complementos salariais, unha instrución que regule o seu labor conforme a realidade do sector, así como unha avaliación de riscos laborais axeitada e unha formación continua de calidade.

    O traballo da Inspección de Pesca é fundamental para garantir a xestión sostible dos recursos pesqueiros, un sector estratéxico para a economía e o medio ambiente. Sen o seu labor, non se pode asegurar o cumprimento das normativas por parte da frota pesqueira estatal e europea, nin evitar o intrusionismo de frotas que operan sen respecto polo mar e os seus recursos.

    As mobilizacións continuarán ata que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática abran un verdadeiro diálogo para resolver este conflito laboral.