Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 15 Xuño 2025.

CCOO-Ensino expresa a súa consternación pola morte violenta dunha traballadora en Badaxoz

    O asasinato dunha educadora nun piso destinado a menores con medidas xudiciais en réxime semiaberto pola Xunta de Estremadura, en Badaxoz, pon en evidencia as graves deficiencias do sistema de protección xuvenil e as políticas de licitación que priorizan o aforro económico sobre a seguridade das persoas traballadoras e das e dos menores. A traballadora faleceu tras sufrir unha agresión violenta por parte de tres menores tutelados con medidas xudiciais, mentres se encontraba soa e sen apoio na súa quenda de noite.

    12/03/2025.
    CCOO-Ensino amosa a súa consternación por estes feitos

    CCOO-Ensino amosa a súa consternación por estes feitos

    O suceso revela un patrón de desatención sistemática. CCOO denuncia que, debido ás esixencias das licitacións públicas «á baixa» impulsadas pola Administración, os centros operan con cadros de persoal mínimos, recursos insuficientes e protocolos de seguridade obsoletos.

    A traballadora estaba soa porque non se orza o suficiente para contratar máis persoal, contravindo as recomendacións que desde CCOO levamos anos realizando e incumprindo claramente o regulado na Lei de responsabilidade xurídica do menor e na Lei de Protección xurídica do menor, así como a Lei de prevención de riscos laborais.

    Os recortes neste sector son a tónica habitual e é en situacións como esta cando se manifesta a fraxilidade do sistema, deixando en evidencia que a Administración prioriza o lucro económico sobre a seguridade das persoas traballadoras.

    Esta traxedia non é un accidente. É o resultado de anos de externalizar servizos sociais a empresas que gañan concursos prometendo gastar menos, aínda que iso signifique recortar en seguridade, formación e persoal. Os datos avalan esta afirmación, xa que nos últimos cinco anos unha parte moi importante das licitacións que se acaban adxudicando non permiten cumprir co disposto no convenio colectivo do sector nin na normativa de prevención e protección das persoas traballadoras, e adxudícanse a empresas que presentan ofertas económicas temerarias. Estas condicións derivan, por exemplo, en ratios persoa traballadora/menores que impiden manexar situacións de alta complexidade.

    O sindicato esixe que se investiguen non só as circunstancias da agresión mortal, senón tamén as posibles irregularidades na adxudicación do servizo e a supervisión do centro. Así mesmo, ponse a disposición da familia da vítima para asesorala en todo o que necesite.

    CCOO reclama, unha vez máis:

    — Auditorías inmediatas en todos os centros de menores do Estado para verificar o cumprimento de ratios de seguridade e da normativa vixente.

    — Reversión das externalizacións dos servizos sociais, suspensión das licitacións á baixa e revisión dos pregos para garantir condicións laborais dignas.

    — Protocolos específicos de actuación ante situacións de denuncias previas, así como unha análise exhaustiva e rigorosa do perfil dos menores que son asignados en réxime semiaberto.

    Ante os indicios de que se cometeron irregularidades, CCOO esixe que se depuren responsabilidades administrativas para que as persoas que se comportasen de maneira neglixente no exercicio das súas funcións non queden impunes.

    Durante esta semana, o sindicato convocará concentracións por todo o Estado en solidariedade coa familia da vítima e persoas achegadas e en repulsa pola agresión mortal.

    CCOO non quere escusas. Quere traballo digno e seguro para as persoas traballadoras do sector, e iso non é posible cando as condicións precarias nos levan á morte.