Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

Ramiro Otero foi elixido novo secretario xeral da Federación de Pensionistas e Xubilados

    O 11.º Congreso Nacional da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Galicia elixiu a Ramiro Otero como novo secretario xeral. Toma a remuda de Carlos Mella Teijo, á fronte da federación desde o 2012.

    27/03/2025.
    Intervención de Ramiro Otero tras a súa elección no 11.º Congreso da FPX-CCOO

    Intervención de Ramiro Otero tras a súa elección no 11.º Congreso da FPX-CCOO

    O novo secretario xeral agradeceu o traballo desenvolvido por Mella nos últimos tres mandatos e centrou a súa intervención na necesidade de «atopar un espazo» para as persoas pensionistas e xubiladas no seo do sindicato, xa que «temos moito que achegar a esta organización».

    Deste xeito, segundo expresou, a implicación en cuestións como a defensa da sanidade pública ou as reclamacións perante a Seguridade Social demostran «que nós tamén facemos acción sindical».

    En termos similares se pronunciou a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, durante a intervención deste 11.º Congreso. «Como ben di o lema que escollestes, o compromiso non se xubila», enfatizou.

    Nova dirección

    Ademais de Ramiro Otero, a nova Comisión Executiva da Federación está integrada por: Xoán Carlos Aneiros Rico, Francisco José Cuba Couzo, Carmen Nores Maquieira e Dolores Varela Muñoz, que xa estaban na anterior dirección; así como María Ferreño Arias e Victoriano Fojo Díaz.