Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

A afiliación medra en Galicia pero segue tendo un forte carácter estacional

    A calidade do emprego é mellor ca antes da reforma laboral pero peor ca no conxunto do Estado

    02/04/2025.
    Oficina emprego

    Oficina emprego

    Os datos coñecidos hoxe indican que en marzo o paro rexistrado reduciuse en Galicia en 1822 persoas, un 1,5 % (un punto por riba do Estado), e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 8826 afiliados e afiliadas (un 0,8 %). Se consideramos os datos da afiliación media mensual, esta sobe en 7448 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (un 0,7 %). 

    CCOO estima positivos os datos publicados, que reflicten unha baixada do número de persoas paradas e un incremento das que atopan emprego, medidas pola afiliación á Seguridade Social. Tanto a afiliación como o paro alcanzan valores históricos en Galicia. Aínda así, debemos destacar a anomalía que supón que o paro diminúa máis en Galicia que no Estado pero a afiliación medre nas mesmas porcentaxes. 

    No lado das sombras, sinalamos que medra máis a contratación temporal que a indefinida (e que o peso da contratación indefinida sobre o total é inferior en dez puntos ao do conxunto do Estado) e que a maior parte do crecemento do emprego asenta sobre actividades estacionais e de baixo valor engadido, como reflicte a evolución sectorial da afiliación.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 50 085 homes (825 menos que en febreiro) e 69 070 mulleres (997 menos que o mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres malia a boa evolución do mercado laboral no último mes. Atendendo ás idades, hai 5097 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (39 menos ca en xaneiro) e 114 058 maiores desa idade (1783 menos).

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 95 persoas desempregadas menos, na industria 254, na construción 192 e 1342 nos servizos. No colectivo sen emprego anterior, o desemprego medra en 61 persoas.

    Análise da contratación

    En marzo rexistráronse en Galicia 52 068 contratos; deles, 34 494 foron temporais e 17 574 indefinidos. O volume de contratos rexistrados en marzo foi superior nun 14,9 % aos formalizados no mes de febreiro: a contratación indefinida medra un 7,6 % mentres que a temporal faino nun 18,9 %. De cada 100 contratos rexistrados, 34 son indefinidos, fronte a 44 no Estado (como vén acontecendo no último ano) . 

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 8826 persoas, ata situarse en 1 078 704 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,8 % en relación co mes anterior, porcentaxe idéntica á do Estado.

    A afiliación media mensual aumenta en 7448 persoas, co que o número de persoas traballadoras afiliadas alcanza a cifra de 1 079 396. Deste total, 857 469 corresponden ao réxime xeral, 203 801 ao de autónomos e 18 125 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase un 0,7 % como acontece no Estado. 

    Os réximes xeral e agrario absorben o groso do incremento da afiliación media: 6966 afiliados e afiliadas máis no último mes, dos que un 28,7 % corresponden á hostalería, un 11,4 % a actividades profesionais científicas e técnicas, un 12,2 % á sanidade, un 9,9 % a actividades administrativas e un 8,9 % á educación, o que corrobora a evolución sectorial e por sexos do desemprego.

    Prestacións por desemprego

    En febreiro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 79 132 persoas: 43 151 prestacións contributivas e 35 981 subsidios.

    En relación cos ERTE do mes de febreiro, este mecanismo daba cobertura a 601 persoas a final do mes, das cales 451 estaban en ERTE etop e 150 en ERTE forza maior. Do total de persoas afectadas, 372 son homes e 229 mulleres.