Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO irrompe con forza na Xunta de Persoal de PTXAS da Universidade de Vigo

    Concorreu cunha candidatura renovada, na que 8 das 10 primeiras persoas da lista eran mulleres, evidenciando unha firme aposta pola representación en feminino.

    02/04/2025.
    EE.SS. Xunta de Persoal de PTXAS da Universidade de Vigo

    EE.SS. Xunta de Persoal de PTXAS da Universidade de Vigo

    O pasado 27 de marzo celebráronse as eleccións sindicais para a Xunta de Persoal de Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos (PTXAS) da Universidade de Vigo. CCOO concorreu a estes comicios cunha candidatura renovada e diversa, encabezada por Victoria Alonso, na que 8 das 10 primeiras persoas da lista eran mulleres, evidenciando unha firme aposta pola representación en feminino.

    Durante a campaña electoral, percorremos os tres campus e a maioría dos servizos da Universidade, explicando de primeira man o noso programa e as nosas propostas, escoitando as inquedanzas do persoal e compartindo a nosa visión para un modelo sindical comprometido, útil e transparente.

    Os resultados foron históricos: tras anos sen representación neste órgano, CCOO converteuse na segunda forza máis votada, obtendo 6 delegadas e delegados, sendo ademais o sindicato máis apoiado no Campus de Vigo. Este respaldo supón un importante avance para a nosa organización e, sobre todo, unha gran responsabilidade coa que asumimos este novo ciclo.

    A CIG mantén a maioría na Xunta de Persoal con 8 representantes, pero perde a maioría absoluta que ostentaba dende hai 16 anos. Completan a representación UGT, con 3 delegados, e FOL, con 4.

    Dende CCOO Ensino queremos expresar o noso profundo agradecemento ao persoal da Universidade de Vigo polo apoio recibido, que interpretamos como un mandato para continuar coa mesma liña de acción sindical, sempre ao carón do persoal e loitando polos seus dereitos.

    Somos conscientes de que comeza unha nova etapa na que será imprescindible o diálogo e a busca de acordos entre todas as forzas presentes na Xunta de PTXAS. En CCOO asumimos este reto con vontade de sumar e coa determinación de dar resposta aos desafíos que ten por diante o colectivo de PTXAS da Universidade de Vigo.