Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2025.

CCOO esixe melloras laborais no sector de reforma xuvenil e protección de menores

    Baixo o lema «Basta de escusas. Por un traballo digno e seguro», CCOO convocou onte concentracións en todo o Estado para denunciar a precariedade laboral no sector de reforma xuvenil e protección de menores. O sindicato vén reclamando ás administracións públicas medidas concretas contra as externalizacións temerarias de servizos, así como protocolos claros de seguridade para profesionais e menores. A protección á infancia non pode converterse nun negocio a custa da precariedade de quen vela polo benestar das e os menores.

    03/04/2025.
    Concentración por un traballo digno no sector de reforma xuvenil e protección de menores

    Concentración por un traballo digno no sector de reforma xuvenil e protección de menores

    As concentracións, que reuniron centos de persoas traballadoras, xorden como resposta á deterioración das condicións laborais nun sector estratéxico para a protección de menores en risco de exclusión ou baixo medidas xudiciais. CCOO denuncia que a externalización destes servizos a empresas privadas xerou un modelo baseado na precariedade, con salarios baixos, contratos temporais e falta de recursos.

    O sindicato non pode permitir que a xestión de menores vulnerables dependa de empresas que priorizan o recorte de custos sobre a calidade do servizo. Isto non só prexudica ás persoas traballadoras, senón que pon en perigo os propios menores. Máis do 90 % dos centros están xestionados por entidades externas, moitas delas sen experiencia específica. Esta externalización deriva en precariedade laboral, falta de formación especializada, rotación constante de cadros de persoal, escaso investimento en áreas críticas como a xestión de conflitos ou a saúde mental, e ausencia de protocolos unificados para actuar ante situacións de violencia, autolesións ou fugas nos centros.

    Cando a persoa traballadora non ten estabilidade laboral, condicións laborais dignas nin ferramentas para manexar casos complexos, o sistema falla. E, ao final, quen paga as consecuencias son as persoas traballadoras e as e os menores.

    As mobilizacións prodúcense nun contexto marcado pola intención do Ministerio de Xuventude e Infancia de tramitar un Real Decreto para regular os estándares de calidade nos centros do sistema de acollida.

    O proxecto debe garantir un marco sólido de dereitos laborais para as persoas traballadoras, incorporando medidas que aseguren a súa formación continua e evitando situacións nas que as persoas educadoras traballen en solitario. Ademais, ten que establecer límites ás externalizacións para evitar perpetuar o modelo actual, retornando a xestión ás administracións públicas para asegurar empregos dignos, garantir ratios adecuadas de profesionais por menor e regular un marco estatal acerca da formación continua e protocolos de actuación para previr riscos, con equipos multidisciplinares e apoio psicolóxico ás persoas traballadoras e menores.